Un museo para os restos das relacións amorosas fracasadas

museo das relacións rotas 3

Hai uns anos unha parte da futura redacción de Disquecool marchamos de viaxe polos Balcáns e arredores. Namoramos de Saraievo, unha das cidades máis fascinantes de Europa, e aborrecemos Zagreb, que estaba mal iluminada, que tiña un aspecto triste naquel mes de xullo e da que decidimos que non merecería a pena volver xamais. Claro que o paso do tempo, e este descubrimento, podería facernos cambiar de opinión.

Hai varias cousas que podes facer cando che rompen o corazón. Podes maldicir, podes escribir unha poesía moi triste chea de metáforas ben malas ou podes converterte en – atención – doante dun museo especializado nas relacións que non puideron sobrevivir ao paso do tempo. O Museo das Relacións Rotas ten un nome que podería ser o dun título de chick lit, pero en realidade é un museo dos de verdade, con vixiantes, paneis e fondo museístico. Impresionante, va que si? O museo, por suposto, está na nosa antiga archienemiga, a que ata agora era unha das primeiras da lista de cidades deprimentes de Europa, Zagreb.

O museo foi, en principio, só unha colección itinerante que percorreu o mundo ensinando os restos de corazóns rotos de calquera lugar do globo. “A diferenza das instrucións destrutivas de autoaxuda para recuperarse dos amores fracasados, o museo ofrece a posibilidade de converter o colapso emocional en creación: contribuíndo á colección do museo”, explica na súa web. A boa recepción que a exposición itinerante tivo na súa viaxe polo mundo deulles a idea de facer dela algo permanente e así foi como se converteu no Museo das Relacións Rotas, que ocupa un palacete do século XVIII na cidade vella de Zagreb. 

museo das relacións rotas

 A idea ten detrás a dous artistas croatas Olinka Vištica e Dražen Grubišić, que desenvolveron o concepto. Os dous artistas eran parella e, cando romperon, tiveron unha pequena regueifa pola custodia dun coello de peluche. O coelliño foi o punto de partida para o museo. Os obxectos expostos veñen de todas partes e teñen todos unha historia. Hai unhas medias que un el mercou en Saraievo antes de deixala, un espantoso gnomo de xardín esloveno dunha parella que divorciou tras 20 anos de matrimonio (si, o gnomo debería telos empurrado ao divorcio antes) e ata o vestido de voda dunha noiva berlinesa que non comeu perdices para sempre. Todas as cousas teñen unha historia e aínda que non sexa con nomes e apelidos fan ver que detrás de todo hai unha persoa.

O museo é o único museo de titularidade privada de Zagreb e recibe ao ano nada máis e nada menos que 40.000 visitas. Os obxectos, como explica un xornalista da NPR que tivo a sorte de ir velo, están organizados por temáticas: unha primeira sala sobre o amor a distancia, outra sobre as pulsións da paixón, outra sobre a rabia e a furia (todos os recordos sufriron…) e así. Por suposto, un lugar como este, que recolle as pezas dos sentimentos dos demais, ten un efecto curioso na xente: hai quen ri, hai quen chora e hai quen precisa unha aperta (e si, a encargada de eventos que está á saída dá unha aperta a quen a precisa).

Aínda que a colección permanente está en Zagreb, só están expostas 100 pezas ao público, o que lles permite contar cunha colección que pode ser exposta noutros lugares do mundo. Agora mesmo hai unha exposición en Taiwán con eses contidos, pero se os programadores museísticos de Galicia soubesen o que realmente paga a pena deberiamos tela algún día por estes lares.

Fotos | Cortesía para prensa do Museo das Relacións Rotas

 

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *