Un non pode ler calquera cousa se ten unha fama que manter. De feito, unha cousa boa dos hipsters é a súa promoción da lectura, que si, poden (falaremos en terceira persoa sempre que sexa para mal) ser pretensiosos e vacuos, pero polo menos teñen esa inocente idea de que pasear con un libro na man mola. O malo é que non serve calquera libro. Os postmodernos son un acerto seguro, e xa vimos no seu momento algúns autores que na nosa (moi humilde) opinión poderían facer de ti un hipster de pro. Pero hoxe queremos afondar no tema.
En principio hai un amplo abano onde escoller. Serve a xeración beat (Kerouac, Ginsgberg, Burroughs), serven os existencialistas (de Camus a Kafka), serven os políticos (de Chomsky a Tom Wolfe), os depresivos (de Murakami a Sylvia plath), os violentos (de Easton Ellis a Palahniuk) e é imprescindible meter entre os favoritos algún deses libros que ninguén entende, pode ser ‘A broma infinita’, pero tamén o ‘Ulises’. Outros autores cos que ir sobre seguro son Philiph Roth, Cormac McCarthy, Jeffrey Eugenides, Richard Ford ou Kurt Vonnegut. Podes incluír a Salinger e Jonathon Safran Foer se aínda es novo.
Pero se xa tes todo o básico lido, sempre queda a opción de acudir a GoodReads onde teñen listas para todo. Na de libros hipsters atopamos moitos dos autores arriba mencionados, algúns erros, e outras propostas por mi descoñecidas. Pero as que me teñen namorada son as listas “Literatura hipster sobrevalorada” ou “Libros pomposos que ler en público“. Ademais, tamén en GoodReads, e anticípandose a a ese angustioso momento no que terminamos un libro e non sabemos con que seguir (e se será hipster dabondo) teñen unha infografía test que non me podo resistir a compartir.
Por último, para non fallar nesta empresa (de ser un lector hipster) tan importante é saber o que tes que amar (o arriba descrito) como o que tes que odiar. Que aí entran practicamente todos os best-seller (a menos que se lean desde unha perspectiva irónica ou subversiva, claro), sabeo todo o mundo. Pero o hipster de verdade odia eses libros que supostamente fanche quedar ben. Porque hai todo tipo de trucos para atopar ao ‘falso moderno’.
No libro ‘Diccionario de literatura para snobs’, de Fabrice Gaignault hai unha lista de dez libros que os snobs detestan. É certo non todo snob é hipster, pero si o é que todo hipster é un snob. Entre os títulos veremos moitos de autores que eu dera por acerto asegurado no segundo parágrafo. Xa avisei que a liña entre verdadeiro hipster e falso é moi estreita. Os libros son os seguintes:
- ‘Bela do señor’ – Albert Cohen
- ‘O estranxeiro’ – Albert camus
- ‘O amante’ – Marguerite Duras
- ‘O principito’ – Antoine de Saint-exupéry
- ‘A condición humana’ – André Malraux
- ‘As uvas da ira’ – John Steinbeck
- ‘O vello e o mar’ – Ernest Hemingway
- ‘A náusea’ – Paul Sartre
- ‘A espuma dos días’ – Boris Vian
- ‘No camino’ – Jack Kerouac
Agora que xa sabes que libros debes ler e cales debes odiar, non che queda mais que esquecer que o verdadeiramente cool e proclamar sen complexos que ti gozas do que che da a gana. Aínda que sexa (non xulgues, Cris, non xulgues) Dan Brown.
Eu intenteino con Foster Wallace e “La niña del pelo raro” e pareceume insoportable… No diagrama de fluxo, ademáis de concluir que non son hipster na primeira decisión, parece que non podo fuxir deste autor ;-)
Nesa lista de ‘libros pomposos’ (que ven sendo unha lista de clásicos na primeira metade, e logo pasa á filosofía na segunda) , de 135 obras só hai dúas de mulleres (Jane Austen, Charlotte Bronte).
A ver se logo de #readwomen2014 cambia un pouco !