#ReadWomen2014: un movemento para ler libros escritos por mulleres

the-year-of-reading-women-012

Pensa nos últimos libros que tes lido e fai a conta: cantos foron escritos por mulleres e cantos por homes? Se estás entre a tendencia maioritaria, o máis probable é que a ratio autor-autora estea demasiado desequilibrada cara o lado masculino. Por iso, cando o Ano Novo chegou e con el todos os propósitos de ser mellores, moitos deles relacionados coa literatura, un dos desafíos literarios que chamou a atención foi o de Joanna Walsh, que lanzou unha sinxela idea: 2014 debería ser o ano de ler a mulleres. Creou uns marcapáxinas con ilustracións das súas autoras favoritas, escribiu por detrás os nomes de 250 escritoras (como inspiración) e lanzou en Twitter o hashtag #readwomen2014. O efecto foi case inmediato.

Walsh temía que a súa proposta se atopase con certa oposición e criticismo, pero non foi así. En pouco tempo o hashtag converteuse en algo utilizado por moitos tuiteiros para apoiar e unirse a causa e, sobre todo, para propoñer ideas acerca de que ler. Unha especie de clube de lectura espontáneo e global acababa de nacer en Twitter, e xa estaba enchendo titulares nos principais medios e tomando Goodreads con listas de libros. Será por ideas e por libros escritos por mulleres!

A idea é dar máis visibilidade ás autoras nun mundo no que parece que a igualdade aínda non existe. Joanna Walsh fixouse no reconto que desde hai un par de anos fai a organización VIDA – women in literary arts, e que intenta concluír se existe discriminación ou non. O que contan son o número de críticas literarias que hai nos principais medios culturais sobre libros escritos por homes e sobre libros escritos por mulleres, ademais de quen escribe esas críticas, se homes ou mulleres, e os resultados son bastante significativos: trátase dun mundo maioritariamente masculino.

A proposta de Joanna Walsh é sinxela e nin sequera especialmente radical. Non está a dicir que este ano intentemos ler tan só libros escritos por mulleres (ela admite que non o fará), senón que intentemos ser máis conscientes e equilibrar un pouco a balanza. Se queres facer un ano de só autoras tamén podes, claro que si, hai libros para dar e tomar e xa hai un montón de webs nas que están a publicar listados con ideas (por se as necesitas), pero tamén podes aproveitar e abrir o abano a grupos que normalmente están menos representados. Autores que non sexan brancos, que non sexan de países occidentais, que pertenzan a calquera tipo de minoría. O clásico desafío de ler un libro de autores de distintas nacionalidades, de distintos continentes, de distintos idiomas, de ambos lados dun conflito.

Empezar dunha vez a apuntar os libros que les e facer reconto. Hai moitas cousas moi boas fóra do mainstream. Que 2014 sexa o ano no que es un hipster literario no mellor sentido. Xa nos contarás que descubres (e, por suposto, podes deixar suxerencias de lecturas nos comentarios ou en Twitter!).

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *