Diario dunha dama de provincias: recuperado libro esquecido

“Preguntan que me parece ‘Harriet Hume’, pero non podo opinar porque non o lin. Teño a deprimente sensación de que podería pasarme como co ‘Orlando’, sobre o que fun quen de facer perfectamente comentarios moi intelixentes ata que o lin e descubrín que, desgraciadamente, non conseguía entendelo”.

NPG x10440; E.M. Delafield by Howard CosterA dama de provincias fala de libros que non leu pero dos que todo o mundo semella ter unha opinión. Tamén ten problemas co pelo (xusto agora comeza a volver a levarse deixalo medrar!) e coa roupa (malditos sexan os cambios de moda). Ten que aturar a Lady Boxe, a quen non soporta, pero ante a que ten que ser civilizada (é a xefa do seu marido) e ten problemas para chegar a fin de mes. Menos mal que sempre hai algún anel que empeñar. Todo isto pásalle á protagonista de ‘Diario dunha dama de provincias’, que acaba de publicar en castelán Libros del Asteroide e que un deses clásicos esquecidos de interesante recuperación.

A novela ten detrás a E. M. Delafield, o seudónimo de Edmée Elizabeth Monica de la Pasture. Era a filla dunha familia aristocrática británica e a súa nai era unha popular escritora. Durante un tempo pensou en facerse monxa (e ten unha novela inspirada na súa experiencia como postulante nun convento en Bélxica) pero decatouse de que aquela vida non ía ser para ela. Fíxose enfermeira durante a I Guerra Mundial e casou, en 1919, con Paul Dashwood, o fillo segundón dun sir. Así que Dashwood non ía herdar grandes riquezas da familia e comezou a traballar como enxeñeiro civil, primeiro en Asia e logo en Devon, nas propiedades dunha familia aristocrática como administrador. Delafield tivo dous fillos durante estes anos e comezou a asentar a súa carreira. Aínda que escribía xa dende a década anterior, durante os anos 20 comezou a centrarse no xornalismo e produciu varias novelas que completaban os ingresos familiares. 

O Diary of a Provincial Lady comezou como unha columna na revista Time and Tide, na que narraba con moito humor a vida dunha dama de vida provinciana moi parecida a ela mesma. O éxito das columnas foi inmediato e a dama converteuse nun libro. O primeiro volume é do 1930 (é o que agora traduce Libros del Asteroide) pero a esta primeira obra seguíronlle novas aventuras da dama, que visitou Estados Unidos ou a Unión Soviética e incluso intentou sumarse aos esforzos de guerra no comezo da II Guerra Mundial.  O ‘Diario dunha dama de provincias’ é moi divertido, unha encantadora lectura lixeira que permite pasar un bo rato. Delafield morreu no 1943 e a súa obra foi esquecida tras a II Guerra Mundial, a pesar de que algunha crítica contemporánea esixira a súa recuperación. A autora é unha das que acaban de entrar en dominio público, así que algúns dos seus libros xa están no Project Gutenberg

Foto | National Portrait Gallery 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *