Cando hai algúns meses falamos do triunfo do xénero biográfico na novela gráfica, aínda non sabiamos que a figura máis mítica da historia galega tamén contaba coa súa propia vida en versión cómic. Trátase de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, quen pronto terá 8 volumes adicados a contar a súa historia (de momento van tres publicados) da man de Inacio (guionista) e Iván Suárez (ilustrador).
É Castelao unha figura poliédrica, da que moito coñecemos, da que moito limos (polo menos na escola), pero da que sempre queremos saber máis. Quen tivese podido, nos tempos de colexio, ler unha novela gráfica coma estas para axudarnos a lembrar toda aquela profusión de datas, títulos e informacións varias. E sen embargo, estes cómics da vida de Castelao van moito máis alá do instrutivo, constituíndose nunha obra de arte por si mesmos.
Explícanos Inacio que a orixe desta serie de cómics é case produto do azar. Nun primeiro momento, o seu obxectivo era pór en imaxes ‘Peito de lobo’, un relato autobiográfico de ‘Retrincos’ no que Castelao conta como concibiu un cabezudo. A idea era contar, a través dese relato, como se constrúe un cabezudo, o seu funcionamento social nas festas e a súa desaparición, todo cunha finalidade didáctica. Pero esa idea pronto converteuse noutra cousa: Castelao ten esta cousa de que cando te achegas te atrapa e o proxecto didáctico desapareceu, e sen embargo como ‘Peito de Lobo‘ era un relato autobiográfico se nos ocorreu que podíamos utilizalo para contar dez anos da súa vida. E así xurdiu ‘Titoán‘. Presentámolo ao concurso da Deputación de A Coruña de banda deseñada e gañamos. E isto serviu de acicate para seguir contando o resto da vida de Castelao que quedara fora de ‘Titoán‘”.
Despois de ‘Titoán’ chegaron ‘O pobre Tolo‘ (sobre o ano de desterro de Castelao en Badaxoz) e ‘Máis alá‘ (sobre as súa viaxe a París e a súa relación coas vangardas). Probablemente en xullo saía o seguinte volume. Aínda que todos están xa esbozados para que non quede ningún aspecto importante da vida de Castelao por contar “percorreremos ao longo dos oito capítulos toda a súa vida desde o seu nacemento en Rianxo, pasando pola súa estadía en Pontevedra como funcionario de Facenda, a súa traxectoria política en Madrid, o desterro en Badaxoz e o xiro que da a súa vida coa Guerra Civil obrigándoo ao exilio en Nova Iorque, Bos Aires e xa o final, pouco antes da súa morte, co seu cargo de ministro da República en París”, enumera Inacio.
O proceso de creación de cada volume comeza coa documentación, que é cuantiosa sobre o tema, e os autores queren coñecela toda. Aínda así, fan fincapé en que estamos ante una ficción, un relato re-elaborado a partires de cousas que si sucederon realmente. A iso axuda o estilo gráfico, que non é moi realista, nin parecido ao de Castelao, aínda que si é claro e sinxelo, para facer a figura máis próxima.
Polo momento Inacio e Iván decláranse moi satisfeitos co traballo e decididos a completalo, aínda que cren que a colección Castelao terá outra dimensión cando estea rematada. Tamén agradecidos é editorial Demo e a Komic Librería por apostar polo proxecto. O que queren, con estes cómics, é permitir “o achegamento a este personaxe, vital na historia do século XX de Galicia e tamén de Hespaña (con hache como lle gustaba escribir a Castelao), e que sexa el mesmo quen fascine aos demais como nos fascinou a nos”.
Xenial o artigo! Onde se pode mercar o comic na contorna da Cruña ou de Compostela?
Gracias! Na páxina da editorial ( http://demoeditorial.blogspot.com.es/p/puntos-de-venta.html) hai unha serie de puntos de venta por provincias, non sei se terán en todas as tendas estes cómics, pero supoño que se non, poderán pedilos. Creo que tamén podes facer un pedido á editorial escribíndolles un mail.