E o derradeiro top 10 do ano serve para analizar o que deron de si as letras: estes son os dez puntos literarios cos que nos quedamos en 2013.
10. Cris foi xurado nun premio literario. E non nun calquera. Cris foi un dos xurados do último premio Xerais, que escolleu como gañador a Xabier López con Cadeas.
9. A resaca 50 sombras de Grey. Si, E. L. James é como a peste negra no Medievo. Non hai xeito de manterse alleos a ela. O éxito da súa triloxía de novela erótica non decae e segue encabezando os rankings dos máis vendidos. Por iso (e como pasou antes con todo produto de éxito literario) as copias e os derivados aparecen como setas. Nesta década dos 10 do século XXI, o boom editorial non son nenos magos nin suspense escandinavo. O boom é a Grey-cificación do best seller (e esperade a que a película chegue aos cines). Este tipo de libros florecen como campos en primavera nas plataformas de venta de ebooks e os autores van xa moitos máis pasos máis alá. O paso máis alá máis impactante do ano é a novela erótica con dinosauros.
8. A lista dos libros cool da literatura galega (segundo os escritores). O ano anterior fomos nós os que escollemos os libros máis cool da literatura galega e neste día das Letras Galegas pedímoslles aos propios escritores que fosen os que decidiran que libros deberían estar no panteón do cool literario galego. Como sempre, Manuel Antonio foi o gran gañador (e por certo que este ano estivemos na súa casa).
7. A pesar da crise, seguen abrindo librarías. A crise económica e o impacto do cambio do modelo de publicación (cun cada vez maior boom do libro electrónico, que de entrada non se merca na libraría tradicional) está facendo que moitos de estes establecementos teñan que botar o peche. Sen embargo, durante 2013, chegáronnos noticias de aperturas de novas librarías (e dalgunhas ás que lles está indo bastante ben) o que nos enche de optimismo.
6. Outras cousas tamén venden. Que nos pode querer dicir que un libro ilustrado sobre a mitoloxía na Galicia da Idade de Ferro esgote a súa primeira edición? Vento e chuvia, de Manuel Gago e con ilustracións de Manel Cráneo, esgotou bastante rápido os 1.250 exemplares da primeira edición. Podemos concluír deste dato que o público lector está interesado en moitas outras cousas máis alá das que sempre se lles ofrece?
5. Alice Munro, premio Nobel. Na redacción contamos cunha entusiasta que asegura que Alice Munro fíxolle volver a ter ganas de ler. A escritora canadense foi a non tan sorprendente (estaba segunda en case todas as quinielas) do premio Nobel de Literatura. E agora todos temos ganas de ler algo seu.
4. O Ulises xa está en galego. Aínda que a primeira lingua peninsular á que se traduciron uns fragmentos do moderno Ulises, de James Joyce, foi a galega, alá polos anos 20, dende entón non se puidera traducir moito máis dunha das novelas que marcou o século XX. Por fin, e tras moitos anos de traballo, o Ulises está xa en galego.
3. Este foi o ano da autoedición? Na literatura galega a autoedición é aínda moi marxinal, por non dicir inexistente. Pero en castelán está comezando a ser cada vez máis habitual e en inglés é xa moi, pero que moi popular. Existen autores populares que deciden pasarse á autoedición en formato ebook para poder controlar dende a portada ata para evitar os paros que os ritmos editoriais lles obrigan a asumir (The Guardian publicou este verán un especial con entrevistas a autores que optaron por esta forma de edición e as súas respostas son do máis variadas) e outros que directamente comezan como autoeditados. Producir ebooks de temas que triunfan (si, a novela erótica uns parágrafos máis arriba) e rápido está sendo xa unha solución económica para algúns. As editoriais comezan a pescar xa nas augas do autoeditado, aínda que entre todo o que aparece nesas plataformas hai (e é imposible negalo) moita borralla. o 25% dos ebooks máis vendidos en Amazon.com son xa autoeditados e a axencia do ISBN estadounidense sinala un crecente aumento deste tipo de obras nos seus continuos informes. Foi 2013 o ano da autoedición ou o primeiro paso para unha revolución clara no modelo de produción de contidos?
2. Comezan a cambiar as pautas de consumo. E se a autoedición demostra que é máis sinxelo chegar ao lector para os escritores tamén demostra que están a cambiar as pautas de consumo literario. Os ebooks abriron a primeira fenda no modelo tradicional de comercialización e consumo de libros, pero non a única. Agora tamén temos Spotifies dos libros, que funcionan mediante unha tarifa plana para poder acceder a todo o seu catálogo, como é o caso de 24symbols ou Nubico; ou novos soportes para os textos, como as apps ou os libros enriquecidos, que van máis alá das palabras.
1. As bibliotecas públicas. Nestes tempos de crise estanse a producir dúas situacións: dende a administración non fan máis que recortar nos servizos públicos e na poboación non facemos máis que recorrer a eses servizos públicos. As bibliotecas son as grandes protagonistas do 2013. Elas son o refuxio ao que se pode seguir botando man para ler nestes complicados (e caros) tempos.
Foto | dr_tr