Xabier López: “En Cadeas hai ficcións que parecen realidade, e realidades que se converteron en ficción”

Xabier López

Hai un par de semanas que vén de publicarse ‘Cadeas’, a última novela gañadora do Premio Xerais (premio no que tivemos a oportunidade de participar este ano como xurado, así que podedes estar seguros de que cando dicimos que nos gustou non mentimos).  O autor é Xabier López, un escritor que leva xa uns cantos anos en activo, e que conta cunha lista de títulos que inclúen novelas, libros de relatos, e literatura xuvenil e infantil.

En ‘Cadeas’ o punto de partida é a exploración da fronteira entre a novela e o libro de relatos. Pero que esa abstracción non nos bote para atrás, o que atopamos son moitos relatos diferentes, que acoden a diferentes rexistros, a diferentes xéneros, a diferentes personaxes, a diferentes temas que van desde a correspondencia dun estudante en Compostela a principios do século XX, ata a biografía dun home parecido a Dieste, pero que en lugar de deixar Francia a tempo tras a Guerra Civil, remata nun campo de concentración alemán. Todos eses relatos se artillan a través da historia dun escritor que coñece a uns lectores aos que se ve obrigado a explicar en que consiste a novela que está a escribir, o que nos obriga a nós mesmos a reconsiderar que é o que temos diante. Pero o facemos mediante a ironía e o humor, e gozando de cada relato, forme parte, ou non, dunha única novela.

Falamos por teléfono co autor, Xabier López, para que nos contara como foi a xénese da novela, e tamén algunhas das principais características da mesma.

cadeas– Como é cando naceu ‘Cadeas’?

– Un día, revisando material vello atopei reflexións que fixera arredor do meu anterior libro para adultos, ‘Os libros prestados’, un libro de relatos. Eu fixera referencia á filosofía que defende que a nosa vida é unha unidade narrativa, que ao pensar sobre a nosa vida estamos relatando unha historia, que somos personaxes protagonistas na nosa historia, pero secundarias na de outros, e relacionando esa idea da vida como unidade narrativa co meu primeiro libro de relatos, comecei a pensar se ese era realmente o meu primeiro libro de relatos ou se xa había relatos autónomos nas outras novelas. E máis alá, se a vida era unha unidade relativa, cosa coa que estou de acordo, se se trataba dunha novela ou dunha suma de relatos.

E a suma de relatos da novela naceu cun plan determinado ou as diferentes historias foron xurdindo a medida que o libro avanzaba?

– O plan sempre existe, pero a medida que vas creando… supoño que é o mesmo en escultura ou en modelismo, ti tes unha idea na cabeza, pero van xurdindo novos xiros, correccións… algunhas das historias eran deliberadas, outras fóronse abrindo, porque ás veces o que parece unha casualidade é predeterminado, e outras veces as fiestras abertas parecen pecharse soas, case sen a túa intervención.

Pero si hai uns temas que parecen vertebrar toda a novela. Teñen un obxectivo?

– En ‘Cadeas’ hai dúas cuestións básicas. A primeira é o título, que tiven claro desde o primeiro momento e que responde ao contido do libro tanto no fondo como na forma. Cadeas respecto á forma está claro, son historias encadeadas. En canto ao fondo, ábrese ao campo semántico da dominación, da violencia contida, moi presente nas historias, aínda que nalgunhas máis que outras.

A segunda é o dobre plano, que permite unha lectura máis lineal, a nosa vida como mosaico de historias e outra máis subxectiva, onde eu dou pistas que o lector vai unindo. Así, por exemplo, no primeiro relato falo dun reloxo, e no último, volvo falar dun reloxo. É o mesmo? Non sabemos:  é unha novela ou non é? E o mesmo con outros moitos elementos que van saíndo polos relatos, hai paralelismos claros, e tamén trampas, nas que non sabemos se é o mesmo personaxe ou non.

– O narrador da historia que articula a novela é un escritor que parece explicar a propia obra que estamos a ler. É un alter-ego?

– É complicado, porque aquí poderíamos entrar en disquisicións sobre que é un escritor e que é un narrador…. Podo ser eu o autor dos outros relatos ou pode ser o narrador, e ti estar a ler a novela de ese escritor protagonista da novela. Esa é a gracia. Non quero poñerme pedante, pero gústame unha cita de Kafka que di que un libro ten que morder ou rabuñar, e eu quería incomodar, que che teñas que preguntar que é o que tes diante. Porque tecnicamente hai tantos motivos para dicir que estamos a ler a súa novela como que non, hai tantos paralelismos como falsos paralelismos, cando o narrador explica a estrutura do libro, xa a novela está bastante avanzada,  é unha broma que forza ao lector cara a unha nova percepción do sentido da novela.

-Na novela aparecen en diversos capítulos personaxes reais pero ficcionadas. Por que?

-Basicamente hai dúas personaxes reais que aparecen, en presencia ou en ausencia: Dieste e Manuel Antonio. Para min representan dúas maneiras moi actuais de afrontar o identitario, por un lado Dieste, o intelectual comprometido, que participou nas misións escolares, na guerra civil, que se exiliou, e por outro Manuel Antonio, o iconoclasta, que morreu no ano 30 e non lle deu tempo a comprometerse demasiado, pero que escribiu o manifesto futurista, dicindo hai que matar os vellos, que participaba en peleas, que era un mariñeiro, arroutado, que pensou en meterse na lexión estranxeira. Son dous xeitos de afrontar os desafíos colectivos.

– Canto hai de real en ‘Cadeas’? Foi preciso un gran traballo de documentación?

– Claro,  cada vez que fas novelas, aprendes algo novo. A documentación é importante, no histórico pero non só, cada lectura leva a outra lectura,e ao mesmo tempo, van aparecendo casualidades. Na novela hai historias reais que parecen mentira, pero son datos verídicos, como a da relación de vítimas da represión franquista que contaba entre os seus nomes cos dun franquista. E outros datos que parecen históricos son unha fabulación, porque claro, ao longo desta novela estou xogando a contar o século XX, e para iso recorro á ficcións que parecen realidades e a realidades que se converteron en ficcións.

– Que supuxo para ti o Premio Xerais? Trátase dun premio que ten moitísima repercusión.

-Levo anos escribindo, escribindo moito máis que publicando claro, pero tamén publicando desde o 97. Quero dicir que teño de todo, novelas que funcionaron mellor e peor, que gañaron premios, pero o certo é que a repercusión do Premio Xerais non a teñen outros, despois de que saíse o nome do gañador, nos tres dias seguintes recibín moitísimas chamadas; ata perdín a voz! E esa repercusión quizás non sexa tanto mérito de Xerais, que o é, como demérito da sociedade, que só recoñece a un autor cando gaña un premio importante. E que mesmo na rúa, veciños que nunca me pararan, agora viñan a felicitarme. Así que significación cara fóra, claramente máis publicidade. Ademais a nivel persoal o premio é un estímulo, por suposto. A valoración non pode ser outra.

Fotos vía | Xerais

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *