Ler o Ulises de Joyce en galego

James Joyce Editoras

No número do 15 de agosto de 1926, a revista Nós publica unha tradución de varios fragmentos da “soadisema novela” de James Joyce, ‘Ulises’. Como explican no subtítulo do artigo, Ramón Otero Pedrayo é quen volca “do texto inglés” ao galego os diferentes “anacos” da novela. Durante 10 páxinas, os lectores galegos de 1926 puideron descubrir na súa propia lingua unha parte do escandaloso texto. Non era a primeira vez que os redactores de Nós falaban de Irlanda (estaban un pouco namorados do país e os escritores galegos da época sentiron a chamada de Joyce)  pero neste caso conseguían adiantar, ademais, aos lectores do resto das linguas da Península Ibérica. A tradución de Otero Pedrayo (que agora – ou polo menos iso era o que pasaba nos meus libros de lingua – aparece mencionada nos manuais escolares como un fito histórico da literatura galega) converteuse nun símbolo de modernidade, de que o círculo literario galego estaba no mundo. A primeira tradución ao castelán foi arxentina e de 1945 (podedes ler a historia de como foi deostada polos intelectuais). Pero dende aquela primeira tradución de Otero Pedrayo, o ‘Ulises’ deixou de falar en galego. Estivo en silencio durante 87 anos.

Ata agora. A Editorial Galaxia acaba de finalizar unha completa (e complexa) tradución ao galego da obra de James Joyce, un traballo posiblemente titánico que permitirá agora aos lectores galegos acceder ao texto completo. Un equipo de catro persoas (tres tradutores profesionais que foron xa quen trouxeron ao galego algúns títulos de alto interese da literatura contemporánea e un escritor) estiveron traballando nos últimos anos para traer as 1.000 páxinas do ‘Ulises’ ao galego. Contar cun equipo tan importante ten unha explicación. “Primeiro porque a novela é moi extensa”, explícanos por teléfono Carlos Lema, o seu editor en Galaxia, destacando tanto o elevado volume de páxinas como a complexidade do texto. “Para unha única tradutora era un traballo ímprobo”, sinala. Galaxia tomou como referente a última edición francesa do texto, publicada por Gallimard, que se asemellaba moito ao que a editorial galega quería facer co texto de James Joyce. “Esa tradución tiña dous criterios. Que estaba traducida por un equipo e que era sen notas”, dinos Carlos Lema.

Cuberta ULISESPorque a edición galega, como esa edición francesa, non quere ser un texto para poñer nun altar literario. O público non son nin os expertos en Joyce nin os intelectuais literarios. Quere chegar a calquera lector que simplemente queira ler a novela. “É difícil como unha novela”, recoñece Carlos Lema sobre a situación do ‘Ulysses’ hoxe en día, sinalando que está demasiado academizado e que as súas características (lembremos 1.000 páxinas de texto revolucionario da historia da literatura) tamén axudaron a que se quedase no nicho. O que Galaxia procuraba coa edición galega é o de “volver a atraer ao lector común que le novelas” publicando “o ‘Ulises’ como unha novela”. Así que non agardedes duras notas ao pé de páxina e reflexións filolóxico-literarias no texto. Iso si, publicar a obra como unha novela non fai que a tradución non teña detrás moito traballo.

O equipo de tradutores inverteu 10 anos de traballo (“non continuado”) na obra. Cada tradutor non traducía unha parte da novela, senón que se facía un traballo en conxunto, algo que as novas tecnoloxías permiten. Preguntamos a Carlos Lema como se coordina un equipo así. “Hoxe en día foi máis doado porque a comunicación por correo electrónico e internet facilitou moito isto”, sinala. Os tradutores da obra, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle, traballaron tamén con moita bibliografía de consulta para poder achegarse ao texto.

Por que non antes?

Tendo en conta que o galego xa tiña un primeiro achegamento ao ‘Ulises’ no 1926, sorprende que ‘Ulises’ tivera que agardar ata 2013 para chegar ao mercado. Obviamente o custo de lanzar unha obra de tamaña magnitude ao galego é moi elevado (e sen moita axuda pública, por certo) pero tamén xogaron en contra outros factores.

Así, os editores tiveron que agardar ata que a obra caese en dominio público para non ter que conta co beneplácito do único herdeiro de James Joyce para lanzar a novela. “Efectivamente, a novela estaría publicada antes pero xurdiu este problema de que o herdeiro non permitía máis publicacións na Península Ibérica“, dinos Carlos Lema, que aclara que non é que Stephen Joyce tivese algo en contra da edición galega senón que de entrada estaba nunha posición defensiva sobre como se empregaban os textos do seu avó. Débese engadir que moitos foron os que tiveron problemas coa censura exercida por Stephen Joyce. Así, durante anos impediu a publicación de cartas persoais de James Joyce e Nora Barnacle ou actuou ‘secuestrando’ a memoria de Lucia Joyce, a filla da parella, que tiña un temperamento artístico e que acabou os seus días esquecida por todos nunha institución mental. Stephen Joyce, para gran polémica no mundo literario, demandaba e impedía a publicación de moitos textos.

‘Ulises’ chegará ás librarías cara finais de novembro 

 Fotos | Wikipedia, Editorial Galaxia

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *