Disquerreto de lectura para ter que facer nas tardes de chuvia

disquerreto lectura

O ano pasado en Librópatas fixemos un reto literario e descubrimos que á xente lle encanta participar nese tipo de xogos. Que dicir á xente… A nós encantounos participar no noso propio reto literario!! A pesar de que había que ler 24 libros e que algúns eran non moi atraentes (a min o de un libro non protagonizado por humanos costoume o seu), o reto de lectura de Librópatas (tamén coñecido como retópata) tiña moito aquel. Este ano volve haber reto en Librópatas e, como ben demostrou a televisión con todas as series que lanza, como cada cousa que triunfa debe ser copiada e recopiada decidimos lanzar un reto de lectura tamén en Disquecool. En 2016 haberá disquerreto. As regras para participar serán un pouco diferentes, pero a conclusión final será igualmente divertida. Vamos, que cando remate este artigo todos estaredes abandonando a pantalla do voso ordenador/tablet/móbil para ir á librería/biblioteca para buscar os libros que tocan.

O reto de lectura de Librópatas ten premio: ao final do ano entre quen participa (e non, non é posible saber se realmente a xente le o que di que leu, pero a súa palabra vale lei cando o din) faise un sorteo. En Disquecool non seremos menos. Non sabemos como ou con que, pero ao final do ano haberá sorteo literario do disquerreto.

O punto de partida do disquerreto é distinto. Non é un reto masivo e non hai que ler dous libros por mes para triunfar. Queremos que este reto chegue a quen ten pouco tempo para ler ou incluso a quen non le nada e nunca (xa vexo o momento no que nos darán unha medalla Castelao e unha rúa en Santiago por isto) e por iso non nos imos ir polo maratón de lectura. Para conseguir cumprir co reto de lectura hai que ler só 5 libros, claro que non vale con ler 5 libros calquera. Terán que ser novelas (nas próximas edicións xa nos centraremos en poesía, banda deseñada, ensaio ou teatro, promesa!) e terán que ser novelas en galego. E si, valen traducións (pero traducións dende outras linguas ao galego e non a inversa).

Que tedes que ler e con que tedes que encher esta quiniela? Estes son os 5 libros que hai que conseguir ler. Nós damos os tipos de libros (e xa iremos publicando algunha lista con recomendacións e con títulos que valen para calquera destas categorías) e vós escolledes o que máis vos gusta para cubrir a casilla.

1. Unha novela publicada (ou escrita) por unha muller antes do século XX (moi #readwomen)

2. Unha novela da literatura infantil ou xuvenil (a versión do gato con botas do sobriño vale, pero recomendamos explorar que hai moitos títulos con moito potencial)

3. Unha novela sobre libros, escritores, libreiros, bibliotecarios ou bibliotecas. E, veña, por amor á profesión, tamén podedes contar xornalistas e xornais no lote.

4. Unha novela dun xénero maldito para a crítica. Xa sabedes, unha desas novelas que o establishment odia, como thrillers, novela romántica ou similares.

5. Unha novela sobre unha vinganza (isto foi inspirado por unha historia real dunha disquerredactora – e non é autobiográfico – que tiña un día de botar fume polas orellas).

Shares

7 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *