A boina, o novo complemento cool

Boina de Ouro | Disquecool

Atrás quedaron as barbas, as camisas de cadros e as gafas de pasta. Agora, o que se levan son as boinas. Así o opinan os integrantes do Clube da Lingua do Instituto de Educación Secundaria (IES) Marco do Camballón, en Vila de Cruces. Baixo o lema “Modernízate, pon boina”, perseguen renovar a imaxe tradicional da boina, ao tempo que promover o uso do galego, a través da convocatoria dun concurso de fotografía. Prestade atención, a revolución está ao chegar. Para o alumnado deste centro, se queredes estar á última este sombreiro non pode faltar no voso armario. “Os hipsters están pasados de moda, chegou o tempo dos boiners, afirman.

Máis alá da boina, o obxectivo final é promover o uso da lingua galega nas redes sociais, asociando o noso idioma coas últimas tendencias, a vangarda e o mundo da moda e da fotografía. Para conseguilo, veñen de convocar os Premios Boina de fotografía, con dúas modalidades: o premio Boina de Ouro, no que se valorará a calidade, orixinalidade, creatividade e valor sociocultural da fotografía; e o premio Boina da Simpatía, que incentiva a participación nas redes sociais, con fotografías realizadas de xeito máis espontáneo. Son válidas imaxes feitas con teléfonos, fotos de grupo, selfies… Máis alá da técnica, o importante é, segundo afirman, o humor e a simpatía.

Os organizadores desta orixinal iniciativa afirman que o obxectivo é crear espazos de relación en galego, “vinculando o noso idioma aos espazos sociais de xente nova”. Tamén promover valores de igualdade e un proceso de reflexión para a educación non sexista, criticando as dinámicas que cousifican as mulleres no mundo da moda. “Ademais, queremos promover o humor como ferramenta necesaria nos procesos educativos, así como a relación do ámbito educativo con outros ámbitos sociais”, conclúen.

O xurado do concurso estará composto por alumnado e profesorado do IES Marco do Camballón, e tamén pola zoqueira de Merza Elena Ferro e a tenda de fotografía Bernabé. Sobre a artesá sosteñen que “vén demostrando que un calzado tradicional moitas veces desprestixiado como os zocos poden chegar a ser un calzado de vangarda na moda europea. O seu paso polas feiras máis prestixiosas, como a de Milán, demostra que a nosa cultura tradicional tamén pode ser moderna e de última tendencia”.

Se xa estás desexando lucir boina, podes consultar máis información na súa páxina de Facebook, e participar coa túa fotografía durante a tempada outono-inverno.

Das escolas a Luar
Co obxectivo de espallar esta iniciativa por toda a xeografía galega, o Clube da Lingua está en contacto con institucións educativas como a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Compostela, que colaborará na difusión da Boina de Ouro entre o alumnado de moda e fotografía deste centro.

Pero os boiners chegaron moito máis lonxe. O mesmísimo Gayoso puxo a boina acompañado por un nutrido grupo de estudantes, que sen dúbida rebaixaron a media de idade do público asistente ao programa.

Xa sabes, pon boina!

Foto | Clube da Lingua

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *