Fariña: cando Galicia estivo a piques de ser a Sicilia atlántica

FARINA_PORTADAUnha das cousas que todo aquel que medrou en Galicia nos 80 e nos 90 ten moi presente como recordo da infancia son as drogas: o escolar vivía no terror constante de tropezar cunha xiringa no medio do parque e, por suposto, incluía as xiringas nas súas historias impactantes que contaba aos demais nenos. Seguramente en todas as clases das escolas de Galicia había un neno ou unha nena que vira media ducia de ameazadoras xiringas na porta da igrexa de camiño á catequese (outra cousa vintage que morreu a niveis de masa cos nenos dos 80),  naquel descampado preto da escola ao que non se podía ir ou naquela rúa exacta á que che recomendaban que non foras.

A cuestión era que tanto nos 80 como nos 90 as drogas eran un problema moi serio e un que estaba a ter un impacto moi importante en Galicia. Porque aos nosos ollos infantís todo estaba limitado a un par de cousas (as famosas xiringas, pero tamén as charlas na escola e ata as lendas urbanas sobre as pegatinas repletas de droga que entregaban nas portas das escolas) pero o certo era que o problema ía moito máis alá.

Na época, Galicia estivo a piques de converterse na Sicilia do Atlántico. Galicia era unha potencia mundial no comercio da droga e a porta de entrada en Europa de cantidades incribles de cocaína. As cifras eran de elevado impacto e os narcos galegos eran os mellores aliados que tiñan os colombianos no mercado global da droga. A historia deses anos (e de como todo isto comezou no pasado e como aínda continúa no presente) é a que narra Nacho Carretero en Fariña, o ensaio que acaba de publicar Libros del K.O. e que se está a converter nun éxito de público. Segundo nos contaban dende a editorial, a primeira edición do libro esgotouse rapidamente.

Carretero non narra nada novo, ou iso deixa claro no libro e tamén nos artigos que os medios ‘de Madrid’ lle dedicaron ao seu libro. Os medios locais xa foron dando conta destas cousas no seu momento e a xente xa sabía moitas destas cousas. Por que entón ler Fariña? O certo é que o ensaio funciona como unha crónica (moi ben levada e que empuxa a querer saber moito máis) sobre os anos ‘dourados’ do narcotráfico en Galicia. Eses anos nos que algúns nas forzas do orde miraban moitas veces para o outro lado (conta que as grandes operacións de principios dos 90 e finais dos 80 tiveron que crearse en Madrid e que non lles podían dicir aos seus colegas galegos o que ía pasar ata o derradeiro momento) e nos que se debería investigar moito máis en profundidade como estiveron unidos políticos e narcotraficantes.

Todos estes nexos de unión explícanse cando un se remonta atrás no tempo, que é o que fai Fariña. Por que ao principio o narcotráfico non estaba mal visto? Máis alá dos descoñecemento dos problemas que as drogas poden causar, a cuestión é moito máis complexa. O contrabando non estaba mal visto e o contrabando de tabaco (que é como todo comezou a grande escala) era unha cousa bastante normalizada. Os señores do fume eran vistos con certo respecto. “Os contrabandistas son a xente máis honrada que existe”, dicía nos 80 o alcalde da Garda, Manuel Díaz Ligero, contrabandista el mesmo, nunha entrevista no Faro de Vigo que agora recupera Carretero. A súa palabra era lei, sinalaba.

Os contrabandistas de tabaco non eran máis que, ademais, os herdeiros históricos doutra serie de comportamentos, como nos di Carretero. Aí estaban os raqueiros que se facían co que chegaba dos naufraxios á costa na Costa da Morte (un nome creado por unha escritora inglesa a principios do XX) e que se converteron en material de historias case lendarias (os xornais ingleses do momento falaban de mafias de piratas). E aí estaban tamén os que na posguerra se dedicaban a cruzar a fronteira con Portugal traendo contrabando, como penicilina e outros materiais de difícil acceso na España empobrecida do momento. Uns e outros actuaban nun entorno no que a necesidade lles facía actuar, pero crearon unha sorte de tradición que tería impacto décadas despois. Dese tráfico fronteirizo por necesidade pasaríase ao contrabando de tabaco a grande escala e de aí sería dende onde se saltaría ao narcotráfico.

Como deron o salto dende o tabaco ao máis lucrativo mundo da droga? Foi unha cuestión de mercado e unha de prospección de oportunidades. Os fillos dos contrabandistas viron que había un mercado para esas sustancias e que podían gañar moitos cartos eliminando os intermediarios (e non tendo que baixar ao sur de España a por drogas). Convenceron aos patriarcas e cruzouse esa liña. Os 80 foron anos dourados para a industria. Movíanse grandes cantidades de cartos e os narcos eran ademais de todo menos discretos. Coches bos, ouros e pazos grandiosos formaban parte do mundo no que se movían. Un destes capos era o dono dun pequeno club de fútbol local: os seus xogadores tiñan fichas que superaban ás do Depor. Por chegar, chegáronse ata a facer reunións na Cámara de Comercio de Vilagarcía nas que se planeaban desembarcos de droga e estratexias conxuntas, como lle explica a Carretero un membro da Policía.

A historia xa sabemos como rematou. Unha serie de macroperacións policiais atacaron ao mundo do narco galego e, sobre todo, fixeron que o problema aparecese nos xornais estatais e abrise os telexornais de máis audiencia, facendo que a opinión pública fose aínda máis consciente do problema e sobre todo que se vira dun modo moi diferente. Os narcos eran perigosos. Os xornais locais viñan dicíndoo e as nais contra a droga (que fixeron a súa aparición a finais dos 80 e o fixeron dun modo ben ruidoso) tamén, como nos conta Carretero, pero se cadra meter todo iso na tele e en prime time fixo que se vira de forma distinta. Ademais, as forzas de seguridade comezaron a contar con moitos máis recursos e máis coñecementos (nos 80, contaba un directivo policial, nunha escoita telefónica puideron escoitar a un dos narcos colombianos máis buscados pola DEA… pero eles non sabían quen era).

Pero nin o problema nin o libro teñen un punto final. Non se debe esquecer que aínda non terminou. Con esta frase (e si, teredes que perdoar o tremendo spoiler) pon Nacho Carretero o punto e final a Fariña. Porque os narcos non ocupan xa as primeiras dos xornais, ou polo menos non o fan tanto como o facían antes, como cando nos 90 as grandes operacións antidroga converteron o tema en noticia de apertura de forma recorrente, e existe a idea de que o problema xa non é tan serio como eran entón. As forzas de seguridade teñen tamén menos recursos para loitar contra o narcotráfico, pero o problema non está completamente finiquitado. O libro de Carretero inclúe un mapa (agora que tanto amamos as infografías…) onde ubica ás que son as ‘grandes familias’ do narcotráfico do século XXI.

E unha vez que queda claro que este ensaio non é historia senón máis crónica periodística do presente.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *