Como facer crer que es un príncipe (e convencer a todo o mundo da túa impostura)

impostor

Unha das cousas que habitualmente che pasan cando les un libro que che encanta, entusiasma e namora é que acabas falando del con todo o mundo e que non fas máis que pensar no que acabas de ler. Cando o que acabas de ler é un ensaio sobre como enganar a todo o mundo, o que pode acabar pasando é que acabes por sufrir comezos da síndrome de Anastasia e que empeces a pensar en como enganar a todo o mundo e facerte pasar por unha alteza real. Se o exemplo real non che acaba de gustar (o de ser príncipe ou princesa está claro que non ten tanto atractivo hoxe como antaño), sempre podes probar a facerte pasar por bispo, por aspirante a converso (que era a mellor maneira de conseguir cama, roupa e comida) ou por retornado chegado da errónea morte, como Martin Guerre. O manual para esta nova vida de delito que che espera usurpando identidades é Impostores. Sombras en la España de las Luces, de Antonio Calvo Maturana.

Vale, todos os casos que recolle Maturana acabaron como o rosario da aurora, xa que a súa investigación está baseada en casos xudiciais e, por tanto, en impostores que foron descubertos. Os pobres mentirosos dos que nos fala Maturana acabaron sometidos ao ollo escrutador da Inquisición e a diferentes tipos de interrogatorio e promesas de fogo eterno. Na nosa carreira de mentiras e falsas identidades poderemos agradecer, sen embargo, a desaparición da Inquisición. Hoxe, máis que fogo eterno, o que podes sufrir é a pena do trending topic. E seguramente non sexa tan dolorosa.

Como mentir e como facer ver a todo o mundo que es un príncipe sen selo? Imos usar como mentor (ben, coach, na lingua moderna) ao Príncipe de Módena. Non ao de verdade, por suposto, un home real que viviu tamén no XVIII. Ese Príncipe de Módena non ten ningún interese. O que importa é o noso. Por suposto, este non é o único falso príncipe do que fala o libro. Tamén están os falsos (houbo varios) Reis Sebastián de Portugal dun pouco antes. O verdadeiro Sebastián era un rei portugués do século XVI un pouco (bastante) místico que montou unha cruzada (si, era tamén un pouco retro) e foi combater alá a Marrocos. A fin da aventura foi un Sebastián morto, o que deixou a Portugal sen rei e sen herdeiro ao que botar man (e foi o que acabou por causar que o rei de España, Felipe II, se convertera tamén en rei de Portugal). Os Sebastián de mentira, que foron aparecendo de forma recorrente, aseguraban por suposto que non morrerán no campo de batalla.

Pero volvamos ao príncipe de Módena e a súa historia de mentiras, esa que tes que estudiar para comezar a túa nova vida como, por exemplo, príncipe de Baden (un nome así como de reino da Alemaña do pasado queda moi ben: había tantos que seguro que ninguén se decata de que todo é de mentira).

O primeiro que tes que facer é non dicir nada. Deixa que os demais saquen as súas propias conclusións. No XVIII, unha aprende lendo a Maturana, as cousas eran iso si máis doadas, polo menos para argallar unha mentira destas (para todo o demais… ) As normas do vestir eran moi ríxidas e por tanto a roupa que levabas demostraba claramente quen eras. Os ricos vestían de ricos e os pobres de pobre e non podías mesturar estilos. Non é só que a roupa duns fose demasiado cara e por tanto inadsequible, existían ademais normativas que rexían esas cousas. Por tanto, se te vestían con roupa de calidade, todo o mundo ía asumir rapidamente que a túa identidade era a dun ricacho.

Logo vai soltando pistas e vai dicindo cousas que poidan ser interpretadas como xa sabemos que queremos que sexan. O príncipe de Módena comezou a súa vida delitiva a bordo dun barco e rumbo á Martinica. El nunca dixo que era un príncipe que fuxía das guerras e as tensións en Europa, pero iso foi todo o que os que ían no barco acabaron pensando. Súmalle o típico cotilla que fai cábalas e xa terás a quen che fai o traballo sucio.

Cando todo o mundo saiba quen es, intenta negalo!! Non, non é contraproducente. Terás que xogar coa falsa modestia. Como vou ser eu semellante persoa?? Estades equivocados. E chisca o ollo. Déixate mimar polas autoridades, permite que che dean agasallos e lánzate á boa vida, aínda que deberías ter presente que a túa vida regalada ten os tempos contados. Busca como facer unha boa escapada (algo que o Príncipe de Módena non foi quen: cando se deu conta estaba nun barco rumbo a España e rodeado de autoridades e de personaxes desexosos dun enchufe na corte real do príncipe de Módena, o de verdade) e evita así ser descuberto.

Se aínda así non logras fuxir antes de que a mentira estoupe, non sexas tímido. Nada será mentira ata que ti o digas. Agora si terás que comezar a insistir en que es o príncipe en cuestión.

Foto Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *