As malas novas están en forma de lista ou titular tipo “Non crerás como reaccionou este bebé cando lle dixeron que era moi riquiño” no teu timeline de Facebook, aínda que os problemas do xornalismo non empezaron aí. A orixe é moito máis lonxana e ten que ver cunha combinación de factores que todos os que traballamos en Internet aprendemos: a xente non le cousas longas no ordenador; se queres aparecer ben en Google (e, de paso, gañar cartos) necesitas usar palabras clave; os usuarios están saturados de información, dalles un titular atractivo e un texto breve se queres que alguén lea o que tes que dicir. As redes sociais esaxeraron todo isto e fixeron o resto.
A esperanza estaba ao principio posta na prensa tradicional, da que sempre se dixo que se quería sobrevivir tería que centrarse na especialización e, sobre todo, a profundidade, pero entón apareceu o outro mito. Internet acabou coa nosa paciencia e coa nosa capacidade de atención. Non é que non leamos textos longos en pantalla, é que non somos quen de ler nada que teña máis de seis parágrafos. Aínda que sexa impreso. A prensa tradicional decidiu adaptarse copiando o que estaba triunfando en Internet.
O tema económico tampouco axudaba. Porque, aínda sabendo que ía a haber lectores, que xornalista ía ter o tempo necesario para para poder facer unha reportaxe en profundidade? Desas que parecían xa case extintas nas que se falaba con moitas fontes, se investigaba, había fíos dos que tirar. Se a reportaxe ten que facerse nun día, non en varios meses e existe a opción listicle, como non caer? É fácil e rápido de escribir e ten sempre éxito. Moito mellor para saír rápido do apuro.
Parecía que estaba todo perdido, pero entón chegaron os smartphones e, sobre todo, as tabletas, e volveu a esperanza. Desde hai uns meses, ademais das listas e os artigos tipo Upsocl, a reacción contraria está tamén a ter bastante éxito. Os longforms ou longreads, que non son para nada un xénero novo (é esa profundidade e extensión que botábamos en falta dos tempos dourados do xornalismo), empezan a aparecer como sección nas versións dixitais de moitos medios. E, o máis sorprendente, están xa tamén en sitios que son puramente online. Sen medo a non ser lidos. Aproveitando, ao fin e ao cabo, unha das grandes vantaxes de Internet: o espazo é ilimitado.
O exemplo máis claro de todo isto é, claro, Buzzfeed. Culpable e responsable a ollos de moitos do mal que van as cousas no mundo do xornalismo, desde hai xa un par de anos, aínda que ninguén o saiba, mete longos artigos en profundidade entre todos os tests e listas. En novembro de 2012 contrataron a Steve Kandell, antigo editor xefe de SPIN, para ocuparse da sección Big Stories, adicada precisamente a este tipo de artigos. Esa sección chámase agora BuzzReads e funciona case como un medio separado. Segundo o propio Kandell, trátase de “Buzzfeed para xente que lle ten medo a BuzzFeed”.
Por que esta inversión no xornalismo de calidade desde BuzzFeed? A razón é sinxela: os artigos teñen éxito. Os usuarios están dispostos a ler reportaxes de máis de 5.000 ou 10.000 palabras se estes valen a pena. Moitos fano desde o ordenador, pero a metade do tráfico deses artigos vén desde dispositivos móbiles. Porque é moito máis cómodo ler no sofá na tableta que rompendo as costas inclinado sobre o portátil. Eu mesma pasei onte á mañá case tres horas lendo unha reportaxe apaixonante sobre a ciencioloxía no New Yorker (de 2011, iso si). Nunca o tería feito sentada ao ordenador.
BuzzFeed non é o único, pero si que son os máis significativos por iso de significar para moita xente todo o que vai mal no xornalismo. E tamén por ser un sitio puramente dixital. Que este tipo de artigos aparezan no New Yorker ou, máis próximos, en JotDown, ou en calquera medio que teña versión en papel é máis normal. Todos imaxinamos que escriben pensando en papel e que despois, xa que teñen o texto, súbeno á rede. Pero apostar directamente pola lonxitude cando a única opción de papel é a impresora, dá bastante que pensar.
O soporte dá ademais moitas posibilidades que non son posibles en papel (paréceme agora que estou a escribir no pasado, cando chegou Internet e todos nos emocionamos coas posibilidades do hipertexto e o multimedia, pero eh, estaba un pouco olvidado, non?): os enlaces, os vídeos, as imaxes máis vistosas… penso nas cover stories de Pitchfork como exemplo do perfecto que pode ser un longform dixital.
Continúa o problema do pobre xornalista sen tempo nin recursos para facer estas cousas, pero polo menos hai esperanza. A tentación das listas estará sempre aí (e quen dixo que deban desaparecer?), pero está tamén ben saber que se te curras un artigo longo e profundo durante varias semanas ou ata meses, haberá xente que o lea e ata pase do terceiro parágrafo sen poñerse nervioso. Alguén que pase unha mañá de domingo no sofá coa tableta, lendo iso que xa non atopa nos suplementos semanais dos xornais.
2 comentarios