O podcast volve a internet (e agora é o paradigma do cool)

podcast

Nos comezos da internet famosa que hoxe coñecemos, uns cantos anos atrás, uns dos contidos que eran habituais na rede eran os podcasts. Afeccionados, en moitas ocasións, facían os seus propios contidos de audio sobre os temas que lles interesaban. Unha vez publicados na rede, calquera podía escoitalos. Estes primeiros podcasts non tiveron nada de éxito. En primeiro lugar, nunca se chegou a crear unha sorte de industria profesionalizada do podcast en liñas xerais xa que monetizar eses contidos non era nada doado. En segundo lugar, as conexións eran tan cativas que acceder a eses contidos era moi complicado e a experiencia moi mala. Os internautas buscaban, por tanto, cousas mellores.

Sen embargo, e tras eses comezos tan pouco optimistas, os podcasts están agora de volta e pola porta grande, tanto que son unha tendencia emerxente e molona e tanto que moitos xa ven neles o futuro da radio. E, se temos en conta que cando estudiaba xornalismo había dúas leccións que sempre nos repetían sobre a radio (a/ a audiencia da radio está morrendo e b/ a radio dixital foi un fracaso), o boom do podcast é unha noticia moi positiva para estes medios de comunicación.

Que é o que fixo que os podcasts estean tan de moda e tan de repente? O punto de inflexión que explica o éxito dos podcasts foi o bombazo que supuxo o outono-inverno pasado Serial. Serial estivo en boca de todos, protagonizou titular tras titular e foi ocasional trending topic. O seu éxito chegou a un público que ía moito máis alá dos primeiros exploradores desta nova xeración de consumidores de podcasts e empurrou o fenómeno. Que é Serial? O primeiro é que é un produto radiofónico redondo. Os críticos que o analizaron no seu momento de lanzamento sinalaban, de forma bastante unánime, que Serial era un deses programas que lembraban á época dourada da radio. O segundo é que é un produto da nova era da rede. Detrás de Serial están expertos en internet e membros dunha radio pública de Chicago, todos eles traballando sen ánimo de lucro e facendo un contido de calidade. E o terceiro é unha moi boa historia, moi ben contada e moi ben investigada.

O podcast segue, en varios episodios, unha investigación sobre o asasinato (real) dunha adolescente a finais dos 90. A historia tiña final, xa que o mozo foi acusado de asasinato e condenado. O podcast abriu a pregunta primeiro de se sería realmente culpable e segundo se a sentencia non sería o froito dos prexuízos. E, sobre todo, e como nos di Ana, unha das persoas de Disquecool que está enganchada aos podcast, “engancha, engancha moitísimo”. Serial conseguiu ademais pasar do territorial e foi unha sorte de éxito global. Todo o mundo parecía estar (e parece estar aínda) escoitando esta historia.

Pero o certo é que o éxito de Serial non pode explicar por si mesmo o éxito dos podcast. Que é o que cambiou na rede para que estes contidos volvan a estar de moda? Detrás deste revival está un clima propicio que combina varios elementos, técnicos e de contidos, que fan que a audiencia estea moito máis preparada que nunca para escoitalos.

Polo que toca aos contidos, os podcast son un exemplo máis do novo éxito dos longform. Os internautas xa non queren só contidos escasos e duns cantos parágrafos, senón que buscan elementos moito máis extensos e de moita máis calidade. Incluso os medios que protagonizan o boom dos virais, como pode ser Buzzfeed, teñen agora seccións de contidos que deben ser lidos con tempo. Ademais, os podcasts deixaron de ser cousa de afeccionados na rede que falan do que lles gusta. Os podcasts seguen sendo moi especializados e hainos sobre todo canto tema un poda buscar, pero están feitos por persoas profesionais (as radios están subindo á rede os seus contidos baixo esta fórmula, por exemplo) e que esperan vivir diso ou sacar uns ingresos gracias a estes contidos. Os podcasts xa dan diñeiro. En Estados Unidos, o CPM (coste por mil usuarios que se lle cobra ao anunciante) destes contidos xa está entre os 25 e os 100 euros, o que é unha cantidade máis que notable e que está por riba da media do CPM en internet.

Polo que toca á tecnoloxía, os podcasts non só se están a beneficiar dunhas velocidades de conexión a internet de moita máis calidade senón que ademais están vendo como os novos dispositivos móbiles son un escenario estupendo para este tipo de contidos. Os consumidores empregan apps para acceder a estes contidos (“buscando palabras clave na app de Podcasts, a de Windows Phone – Windows 10 xa! -no meu caso”, dinos Ana sobre como atopa os podcasts que escoita) e sobre todo escóitanos no smartphone xa que este dispositivo permite unha escoita moito máis persoal e sen interrupcións.

Os consumidores, ademais, están comezando a acceder a todos os seus contidos dende os dispositivos que son os reis do podcast. Se estamos deixando de ver a tele para ver os contidos en streaming no ordenador, tamén estamos accedendo ao audio deste xeito. “Paso moitas horas diante do ordenador, por traballo e por ocio”, cóntanos Juan, outro dos membros da redacción de Disquecool que é fan dos podcast, “así que o que antes facía en varios lugares e aparatos como a televisión ou a radio terminei por adaptalo á situación actual”. E confesa: “agora fágoo todo dende o ordenador e o móbil”.

E todos estes cambios en contidos e en tecnoloxía conseguiron chamar á atención dos millennials. Os millennials, en liñas xerais, non escoitan a radio tradicional (lembrade o que me dicían na facultade: a audiencia da radio está morrendo) pero si están escoitando estes podcasts e están atopando un novo xeito para escoitar a radio acorde cos novos tempos. E cando os millennials están seducidos, as marcas empezan a interesarse e así empeza a consolidación do formato. O futuro dos podcasts semella, por tanto, asegurado.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *