Benvido, novo Disquecool!!

Novo deseño de Disquecool

Como se acabásemos de participar nun deses realities extremos de Divinity ou nun daqueles que botaban na MTV cando a tiñamos todos na TDT, Disquecool está en pleno proceso de antes e despois. Pero non vos preocupedes, non será como un deses anuncios chafalleiros de produtos milagre que che fan perder 20 quilos da teletenda ou como o traballo pouco eficiente da Fada Madriña de Cinsenta (a quen se lle ocorre que todo ese traballo de chapa e pintura desapareza a media noite?). Este é un cambio definitivo e para sempre (ata que cambien as modas polo menos): Disquecool cambia cos tempos e é máis bonito, máis marabilloso, máis cheo de contidos e máis todo. Como o leite, Disquecool mola. E mola máis que nunca.

Que é o que vos atoparedes no novo Disquecool? Para empezar todo será moito máis visual, con fotos máis vistosas na home e cunha aparencia máis gráfica. Para continuar cambiamos as seccións para que os contidos sexan máis fáciles de localizar e funcionen mellor en familias (invitámosvos a que lle botedes un ollo á nova barra de seccións). E para rematar creamos seccións novas para que atopedes os contidos que estamos a crear.

Longforms. Xa vos contamos hai uns meses que a nova tendencia na rede eran os contidos longos (como un día sen pan) nos que os xornalistas apostaban por cuestións en profundidade e nos que internet non poñía ningún límite de extensión. O importante é a calidade e a profundidade. Xa o leremos en tableta para que non resulte molesto. E se algo mola, non vai importalo Disquecool? Na sección atoparedes polo momento longforms que xa publicamos no pasado, pero iremos incorporando novas reportaxes extensas no futuro próximo. Estade atentos.

Vídeos e fotogalerías. A todos nos gustan os vídeos e a todos nos gusta o de ver fotos e máis fotos. No anterior deseño compartir eses contidos non era tan doado ou non quedaba tan ben como queda agora. No novo deseño o resultado final é espectacular. Podes ver aquí un exemplo de como se verán por exemplo os vídeos e outro exemplo, o noso post resumo sobre o Off Culturgal, de fotogalerías.

A newsletter. Non era unha mentira! Non foi unha promesa tan baleira como cando a miña avoa lle dixo a un dos meus curmáns que lle ía mercar un cabalo! É real!!! A newsletter de Disquecool empezará co novo deseño e os primeiros subscritores recibirán a primeira nestes primeiros días do mes. Cada primeiro de mes recibiredes unha nova newsletter na vosa caixa de correo.

Iremos axustando algunhas cousas nos próximos días pero agardamos que nos deixedes os vosos comentarios e as vosas opinións sobre o que vos gustaría que engadísemos ao novo Disquecool.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *