Admitámolo: estamos arrodeados de cousas estrañísimas, de dispositivos que farían abrir moito os ollos aos nosos bisavós ou tataravós se os puidesen ver. Ademais desa teima que temos agora todos de camiñar mirando unha pequena pantalla e dándolle co dedo de forma compulsiva, facemos tamén cousas raras como xestos diante da pantalla da tele cando xogamos coa Wii ou co Kinect, ou falar cos nosos asistentes virtuais como se fosen persoas. Quen non lle preguntou nada persoal nunca a Siri?
Aínda así, todos estes gadgets son só os superviventes dun grupo moi, moi grande de inventos que cada ano, cada mes, cada día, algunha persoa particular ou compañía tecnolóxica cre que todo o mundo utilizará en non moito tempo. Un dos mellores lugares nos que ver toda esta serie de dispositivos estraños e futuristas (e en moitos casos absurdos ata o ridículo) é o Consumer Electronic Show (CES), a feira de electrónica de consumo máis importante e que cada xaneiro se celebra en Las Vegas. As novidades deste ano non teñen que envexar ás doutras edicións.
Os meus preferidos son os Rollkers, unha especie de patíns de toda a vida, deses que se ataban ao zapato, pero que non serven para patinar, senón para camiñar “dúas veces máis rápido”. A idea vén desde Francia, onde deberían saber que por moita présa que teñamos, acelerar a cambio de ser a persoa máis rara nun radio de varios quilómetros é algo que non moita xente quererá. Mirade o vídeo, por favor, e comprenderedes. Uns andares moito máis raros e aparentemente incómodos que os que tes cando non sabes camiñar con tacóns e probas uns moi, moi altos. Non sería máis fácil directamente patinar?
Se ademais de querer camiñar máis rápido, notas que estás empezando a quedar sen pelo, no CES 2015 hai tamén unha solución coa que completar o teu look. iGrow é a nova solución contra a alopecia! E desta vez vén respaldada por un par de estudos científicos independentes que din que os homes que o probaron tiveron un crecemento de pelo un 35% maior (as mulleres un 37%). A cambio só tes que poñerte este casco que lanzará pequenos raios láser á túa cabeza catro veces á semana durante 25 minutos. En teoría podes facelo na casa, pero nós cremos que sería ideal para saír a pasear á rúa cos teus Rollkers.
Se non tes problemas de alopecia, pero si de estrés, no CES 2015 presentouse tamén outro accesorio para a cabeza que desta vez promete relaxarte. Melomind lerá as túas ondas cerebrais e mandarallas vía Bluetooth a unha app no teu smartphone. E segundo o que digan eses datos do teu estado mental no momento, creará unha música personalizada deseñada para a túa relaxación. Coma os Rollkers, Melomind vén tamén desde Francia.
Se o que ti queres é algo que te axude a decatarte de se estás a engordar antes de que sexa demasiado tarde, Belty é a solución: un cinturón intelixente! Ademais de axustarse de forma automática, afrouxándose cando te sentas ou comes moito, fará un seguimento do diámetro da túa cintura para avisarte de se este crece ou diminúe demasiado. Como non o inventaran antes?
Agora que os drones están tan de moda, a xente non fai máis que inventarlles novos usos: ademais do de espiar a países enimigos, facer selfies desde o aire, ou bonitos vídeos de viaxes, no CES puidemos ver algo máis. Iso que faltaba, que todos necesitabamos: darlle aos drones a capacidade de bailar! Si, niso é no que traballan en Parrot, e na feira amosaron unha bonita coreografía de varios drones. Xa sabes, unha especie de espectáculo de acrobacias aéreas sincronizadas, pero sen piloto. Era unha necesidade que había que cubrir.
E de robots voadores, a robots deses cos que levamos soñando moitos anos. Adorables androides feitos para servirnos! Ata que se rebelen e nos maten claro. Mentres tanto, robots como Sopo poden traernos a bebida para que non teñamos que deixar o sofá e, para eses momentos nos que queremos un ambiente de discoteca sen saír na casa, poñer luces para animar a festa! Non hai nin que dicilo, claro. Sopo chega desde Xapón.
Para todos os fumadores que queredes deixalo, pero pouco a pouco e cunha axuda desas que fan ilusión, Quitbit teñen a solución: un acendedor intelixente! Dille que día queres deixar de fumar definitivamente e irá reducindo a túa cantidade diaria de cigarros ata entón. Como? Bloqueándose cando chegues ao teu límite diario!
Para os que esperabades un aeropatín agora que estamos en 2015, podedes consolarvos con este outro monopatín especial: o Onewheel. Unha especie de Segway sen guiador que din que é moi doado de usar. Eu imaxínome caendo ao chan pasados cinco segundos, pero habería que probalo para asegurarse.
E por último está Ring. Ring é perfecto para todos os que nalgún momento quixestes ser coma Mary Poppins, facendo que os obxectos cumpran ordes só con apuntar co dedo. Un anel para o teu índice (non funciona noutros dedos) que se converte nunha especie de control remoto para o teu smartphone. Si, só para o teléfono, polo que non parece moi práctico, pero pensade no futuro! Pensade en todo o que poderiades controlar coma Harry Potter pero sen variña!
Cal destes dispositivos pasará a ser normal nuns anos?