Phubbing, cando prefires o teu smartphone á xente que te rodea

phubbing

O mundo moderno é realmente inquietante e retorcido. Lembras aqueles tempos fáciles e felices nos que non tiñas que prestar atención máis que á persoa coa que estabas (e, ao mesmo tempo, esa persoa prestábache atención a ti!)? Agora estamos todos máis que afeitos a ver a grupos de amigos reunidos arredor dunha mesa sen falar, mirando os seus smartphones. Todos identificamos o acto como non ideal e ata maleducado, todos criticamos ás veces a eses grupos de xente ou parellas que están a falar cos seus teléfonos e non coa persoa coa que están, pero todos nos sabemos culpables de telo feito tamén nalgunha ocasión.

Como loitar contra o acto de ignorar á persoa coa que estás por preferir o teu smartphone? Aquí vén a parte máis fascinante de todo: o primeiro paso é poñerlle nome a esa acción. Unha slogan que diga “deixa de mirar o teu smartphone e fai caso á xente que te rodea” é demasiado longo. Por iso naceu a palabra phubbing no ámbito anglofalante (e de seguido pasou a outros ámbitos tamén). E, tendo unha palabra, xa puido nacer unha campaña máis directa: “stop phubbing“, din. E todos estamos de acordo.

Stop+phubbing+1

Pero hai máis. Quen creou a palabra phubbing? Foi creada só para poder referirse a ese acto e poder loitar contra el? Non, amigos, a realidade do século XXI non é nunca tan altruísta. A palabra foi creada hai un ano e lanzada ao mundo a principios de 2013 máis ou menos, e agora a verdade por fin saíu á luz: todo forma parte dunha campaña de marketing creada pola axencia McCann Melbourne (os mesmos de Dumb Ways to Die, molan!) para promocionar un dicionario. O de loitar contra o phubbing é un efecto colateral que non vén mal.

McCann Melbourne explicouno todo hai unhas semanas nun vídeo (que serve de spot): xuntaron a un grupo de expertos (lingüistas, escritores, fonólogos, poetas,…) coa misión de crear unha palabra para o “acto de desprezar a alguén en favor do teu smartphone”. O resultado foi phubbing (de phone + snubbing (desdeñar, desprezar en inglés) e a palabra lanzada á rede. Non está claro se a web da campaña www.stopphubbing.com é cousa deles ou non, pero foi a partir de aí cando empezou a explosión.

Que queren conseguir desde McCann Melbourne con esta campaña? Non só vender o dicionario en si, senón convencer á xente da necesidade de ter un dicionario actualizado, con todas esas novas palabras que aparecen no mundo. Inquietante, retorcido e fantástico, verdade?

Como xa dicíamos antes, non sabemos ben quen é o responsable da campaña Stop Phubbing, pero recomendamos a web, na que hai un montón de materiais para descargar (carteis para animar á xente a gardar o teléfono e empezar unha conversación, invitacións de voda nas que non se permite facer phubbing, etc), unha serie de estatísticas preocupantes e posiblemente falsas (o 92% dos phubbers habituais acaban sendo políticos), modelos de cartas que enviar a amigos para que abandonen a práctica… e animan a que denuncies o phubbing sacando fotos cada vez que presencies unha destas situacións e subíndoa á páxina.

E deixade de phubbear!

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *