Novembro é o mes dos bigotes, din, por iso da loita contra o cancro de próstata, pero iso era en 2012, cando aínda estaban de moda. Levar bigote era o que había que facer para ser cool, e moitos aproveitaban o mes de Movember (moustache + november) para iniciarse e despois xa continuaban. Pero en 2013 as cousas xa non son así. En 2013 as barbas son os novos bigotes e haberá que ver que pasa coa campaña de novembro, de verdade estades dispostos a afeitar esa magnífica barba que vos levou varios meses conseguir?
Se aínda vos estades a debatir entre ambas posibilidades, quedar coa barba ou volver ao bigote, o de hoxe é un argumento máis a favor das primeiras: podes utilizar a túa barba como plataforma de publicidade e gañar cartos. Si, amigos, 2013 é tamén o ano no que naceu o Beardvertising, un novo concepto de publicidade que non está claro se vai en serio ou en broma ou se callará entre todos os barbudos do mundo.
“Tes unha barba épica? A xente queda mirando o magnífica que é? Claro que o fan. Queres que che paguen por ter unha barba épica? Claro que queres”, di a páxina web de Beardvertising, o novo concepto inventado por unha axencia de publicidade de Kentucky. “É sinxelo – converte a túa barba nun negocio”, conclúen. Temos a vosa atención, barbudos? Estades a mirarvos no espello e preguntarvos como esa enorme barba pode empezar a darvos cartos? A idea é sinxela: só hai que colgar un pequeno cartel (BeardBoard) dela. E voilà, a axencia promete pagar ao home-anuncio 5 dólares ao día.
Todo parece que é moi de broma, pero a axencia responsable disto, Cornett-IMS, asegura que están a recibir “un montón de mails de tipos con barbas épicas que queren levar beardboards e estamos en conversacións con algunhas marcas que queren ser ‘Beardvertisers'”. A idea naceu como unha campaña para a marca de cervexa A&W Root Beer, pero o interese que espertou entre os barbudos fai que sexa bastante posible que se convirta nunha forma real de publicidade.
Que dicides? Estaríades dispostos a vender ese espazo publicitario que levades na cara en forma de barba para anunciar algo? Vai sendo hora de capitalizar e sacar rendemento á túa magnífica barba. Despois de todo, como din malignamente na web, “xa que non está a facer que pilles, polo menos poder sacarlle algo de pasta”.
Queres algúns exemplos? Despois da cervexa, a axencia conseguiu que a marca de coitelas de afeitar Dollar Shave Club utilizase tamén o sistema. Pincha nas fotos para entrar na fotogalería.