Todos coñecemos a situación. Todas as mañás (ou a noite anterior os máis organizados), antes de mirar o noso armario, miramos pola ventá ou consultamos o prognóstico do tempo. Con esa información na man, sabendo se vai chover ou non, se a calor vai a ser abafante, ou se será un deses días nos que calquera cousa pode pasar, escollemos a roupa. Ás veces sen dúbida. Outras veces tras pasar moitos minutos intentando decidir. E se unha app recomendase un look dependendo do tempo que vai facer?
Iso é o que fai desde hai uns meses Whatoweather, unha aplicación móbil lanzada pola xente de 4gotas ao decatarse de que moitas das dúbidas da xente ao preocuparse polo tempo “ían na liña de “pero levo ou non chaqueta, abrigo, etc…?”. A resposta dos usuarios está a ser moi boa, xa con máis de 5000 descargas en só dous meses e “espalladas polo mundo enteiro”, cóntanos Bea Hervella, unha das responsables da app.
É ela precisamente quen se encarga da escolla dos outfits, tentando “ofertar estilos de todo tipo para que as usuarias se sintan cómodas e reflectidas nalgún deles”. Ademais, ten en conta “o aspecto económico”, intentando sempre incluír “prendas moi accesibles a todos os petos”. En canto ás tendas das que se ofrece a roupa, están abertos a colaborar con calquera, sempre que “teña venta online para poder mercar as prendas desde a app”. Xa hai algunhas tendas galegas abordo, e están en conversas con outras.
Por que estamos os galegos tan obsesionados coa meteoroloxía? Bea asegura que está “impresa no noso ADN”, algo que se ve na “cantidade de cancións galegas que conteñen referencias ao tempo”. Ademais, parece haber dúas obsesións principais. “A primeira ten que ver cos microclimas, xa que moita xente considera que o lugar onde vive ten o seu propio microclima e queren corroboralo”, conta Bea, e a outra é a nosa eterna dicotomía. “A xente quere calor e quéixasenos moitísimo a través de redes sociais, pero en canto chega, as críticas mudan de dirección xa o primeiro día porque están abafados e queren que baixen de novo os mercurios”.
Un pouco o que pasou estes días, co forte comezo do verán os primeiro días de setembro e a baixada de temperaturas pouco despois. Que esperar deste mes? Aínda que “os prognósticos do tempo teñen vida propia e poden mudar dun día para outro”, en principio “a primeira quincena de setembro semelha que terá moí poucas xornadas de choiva” e que “o sol volverá na fin de semana” (a previsión cambiou! haberá treboadas!). Iso si, os 30 graos parece que non os veremos xa máis neste verán.
Whatoweather está dispoñible para Android e iOS, e prometen que, se as cousas van ben, haberá tamén versión para homes e versión para Windows Phone. Mentres tanto, tamén podedes ver as propostas de looks diarios na web de El Correo Gallego (abaixo á dereita). Que un día de choiva non te deixe sen estilo!