80 Days: escolle a túa propia aventura

80 days

Un dos clásicos da literatura infantil son os libros de ‘Escolle a túa propia aventura’. A través das das páxinas, os nenos senten a emoción de escribir unha aventura única e propia á vez que se implican no fío da historia. Como ler o Barco de Vapor con máis de 10 anos é algo mal visto (non entendo por que…), agora temos a ocasión de repetir esta experiencia co xogo 80 days de inkle Studios. Neste xogo reviviremos a famosa novela de Jules Verne ‘A volta ao mundo en 80 días’ e acompañaremos a Phileas Fogg nunha viaxe inesquecible contrarreloxo a través do seu fiel axudante Passepartout. A pesar de que o xogo, polo de agora, só está en inglés, a experiencia é aditiva e irrepetible.

Cun interface sinxelo e sen abondar nas animacións ou nos detalles, o xogo asemellase ao libro e permítenos imaxinar os escenarios que cruzamos ofrecéndonos tan só breves parágrafos nos que de describe a escena. A nosa intervención terá lugar na escolla das diferentes accións que o xogo nos ofrece. Así, teremos que trazar a ruta pola que queremos dar a volta ao mundo enfrontándonos a un mapa descoñecido e a medios de transporte tan diferentes como carruaxes de cabalos ou proto-hovercrafts saídos dun estilo absolutamente steampunk. Mais non nos limitaremos a escoller a ruta ou decidir entre tren ou globo aerostático, como Passepartout teremos que coidar a hixiene e saúde de Fogg mentres vivimos aventuras que, incluso, poden escaparse da trama principal.

 A viaxe está repleta de sorpresas e escenarios que, a medida que o xogo avanza, van variando en función das decisións anteriores. Formar parte dunha revolta social árabe, esconderse das autoridades rusas, pasar unha noite na cárcere de Pyongang ou ser sospeitoso dun misterioso asasinato que deberemos resolver son só unha simple mostra de todos os xiros argumentais inesperados que farán desta viaxe unha experiencia inesquecible.

Con tan só cinco mil libras no peto e unha maleta con roupa deberemos cadrar as contas para pagar todos os billetes e noites de hotel que precisemos nestes 80 días. Negociar con bens entre cidades, apostar en xogos de cartas ou fregar a louza no hotel no que nos hospedamos son varias das formas que aumentaran a nosa conta bancaria. Por suposto, poderemos visitar os bancos da cidade pero, sempre, sacrificando un ou varios días do axustado planning.

80 days non é un xogo. 80 days é un libro interactivo que nos deixará co verme de repetir partida unha vez rematemos a primeira volta ao mundo. Co único limite das cinco mil libras, e os cinco euros que custa na AppStore (aínda non o hai para Android, síntoo), a nosa imaxinación percorrerá lugares que só inventabamos a través daqueles míticos pes de páxina de “Se queres ir a París, vai á páxina 32”. Descende o Mississippi en barco de vapor, cruza o Atlántico en globo, fuma opio en Delhi ou pérdete en Istambul…80 Days é a xustificación á afirmación de que o deseño é o de menos cando a historia é trepidante. Descargádeo xa, 80 días son poucos para cruzar 144 cidades!!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *