Se queres ser moderno de verdade, pasa do smartphone

móbil

A última tendencia no mundo da nova tecnoloxía (a tendencia que debes seguir se queres ser un moderno de verdade) é do máis retro. Os modernos que van á última ultimísima moda (eses que saben realmente o que se leva) están comezando a pasar dos seus smartphones para recuperar o teléfono móbil ladrillo de toda a vida. Podes pensar que detrás de todo isto só están uns poucos hipster de nada, pero a moda xa chegou e foi analizada ata en Marketwatch (que é un deses medios que len os señores que fuman puros, levan chapeu de copa e inverten en Wall Street. Ben, e que leo eu tamén).

Un pouco na liña dos namorados do pasado que fan quedadas para escribir a máquina, estes novos modernos pasan do iPhone 6, de Whatsapp, do filtro Valencia e das apps que che axudan a facer o que sexa. Estes usuarios pasan ata de Google Maps! Polo momento son moi poucos usuarios (sobre o 13% dos millennial en EEUU, segundo un estudo de Forrester, e posiblemente nesa porcentaxe a maior parte estea no móbil do pasado por cuestións máis económicas que de moda) pero aínda así xa teñen caras famosas entre os seus partidarios. Anna Wintour, a directora de Vogue e a muller que pode facer que leves un saco de arpillera como vestido se esperta un día con ese humor, xa foi captada levando un.

As razóns para este cambio, como lle explican ao San Francisco Chronicle algúns destes non usuarios da telefonía intelixente, son variadas. Falan dos prezos (quita a tarifa de datos e verás como baixa a factura), dos problemas que eliminan con baterías que non morren cada cinco minutos e de que en realidade só precisan de chamadas e SMS para xestionar as súas comunicacións diarias. Pero, por outra banda, os entrevistados acaban falando de liberdade. Como di unha destas modernas que pasaron do smartphone, está ben descubrir un restaurante por casualidade e non porque o recomendaron en Yelp. Os móbiles intelixentes acabaron matando a pouca aventura, sinala, que podiamos ter na vida cotiá.

3011533286_f28e105e8b_b

Librarse do smartphone é tamén librarse do mail que chega en todo momento, das conversacións eternas en Whatsapp dos grupos nos que che meteron e non te podes librar ou dos avisos de toda canta cousa pasa en social media. Como xa vimos cando o mes sen smartphone dunha redactora de Disquecool se converteu nun test de resistencia, pasar do móbil intelixente ao Alcatel de sempre permite gañar polo menos en tranquilidade.

E a iso súmaselle ademais unha certa preocupación pola privacidade. A medida que os smartphones se van facendo máis populares e os consumidores están cada vez máis tempo online, os seus terminais saben máis de todos eles do que saben os seus pais. Pensade no que está sucedendo coa última aproximación de Facebook, por exemplo, ao mercado da publicidade. Cun terminal ‘tonto’ non é quedes realmente á marxe de todo iso (seguen podendo saber onde estás, como ben aprendemos todos vendo CSI), pero non o saben a un nivel semellante e sobre todo teñen moito máis complicado usalo para venderche publicidade logo.

Polo momento o movemento é pequeno, pero todos sabemos o que acaba acontecendo coas cousas así. Será a vida sen smartphone a nova moda slow do futuro inmediato? Por haber hai ata compañías, como a francesa Lekki, que xa se dedican a recuperar e customizar os móbiles pasados de moda facendo do móbil pataca un obxecto vintage (e digno de namoramento). Mentres a moda colle velocidade sempre podes comezar a exhumar aquel Nokia que tiñas e que deixaches abandonado polo primeiro móbil que che prometeu conectarte á rede.

Fotos mobilyazilarAdrian Clark

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *