Ada Lovelace, a pioneira das novas tecnoloxías

Ada_LovelaceHoxe, 14 de outubro, é un día de celebración: hoxe é o día de Ada Lovelace, unha xornada que quere lembrar (e potenciar) o papel das mulleres no mundo das novas tecnoloxías. O día exacto de celebración varía, aínda que sempre é por estas datas, e a mellor maneira de celebralo é, segundo piden os organizadores desta xornada, publicar un artigo destacando o traballo das mulleres no mundo das TIC.

O mundo das novas tecnoloxías segue a ser, por estatística, un mundo moi masculino: dende os estudantes das carreiras relacionadas ata os traballadores das empresas do sector son maioritariamente homes (e si, seguro que volo contamos nalgunha crónica do Mobile World Congress, nos eventos tech non é habitual ter que enfrontarse a colas infinitas no baño das mulleres). Algunhas empresas do sector, como pode ser IBM (que ten un programa destinado só ás nenas para convencelas de que as ciencias molan) ou Verizon (que é a responsable desta campaña), intentan cambiar esa situación.

Por outra banda, o mundo das novas tecnoloxías é, por historia (e isto é o máis ruín), un mundo sen mulleres. Nas grandes glosas sobre os pioneiros e os xenios das novas tecnoloxías sempre se esquece ás mulleres que participaron nelas, a pesar de que o seu papel foi moitas veces tan clave como o dos homes aos que sempre se recorda. Aí está Hedy Lamarr, que pasou á historia como vampiresa de Hollywood pero que era tamén unha brillante mente científica á que lle debemos o WiFi ou o GPS. Ou Grace Cooper, a pioneira do software amigable para o usuario final. Ou, por suposto, Ada Lovelace, que é considerada a inventora da primeira linguaxe de programación da historia.

Lovelace ten ademais unha biografía sorprendente e impresionante que fai que o esquecemento no que caeu durante o século XIX e XX sexa aínda máis incrible. Ada Lovelace comezou a ser recuperada na segunda metade do XX e hoxe empeza a ter xa biografías (e se cadra algunha película, sempre hai rumores) e textos de divulgación. O día de Ada Lovelace (que naceu do esforzo privado de mulleres do sector das novas tecnoloxías) foi clave para a súa popularización entre a xente de fóra do mundo das ciencias.

Ata non hai moito Ada Lovelace aparecía, sobre todo, nos libros como a única filla lexítima que tivo Lord Byron. Byron casou unha única vez, cunha rapaciña aristocrática chamada Annabella Milbanke. O matrimonio foi un desastre e durou menos dun par de anos. Milbanke acabaría volvendo ao fogar familiar coa única filla do matrimonio, Ada, e lamentando a súa relación co romántico e escandaloso Byron (lembremos que tivo unha segunda filla coa medio irmá de Mary Shelley e que posiblemente tivo unha terceira coa súa propia medio irmá, Augusta). Temía que o Romanticismo exaltado fora algo que pasara co sangue así que decidiu darlle a Ada unha educación científica de altísimo nivel para contrarrestalo: as matemáticas convertéronse no  antídoto á poesía.

Ada Byron pronto demostrou que tiña moito talento para as matemáticas. Tanto que a súa nai negociou as condicións do seu matrimonio (Ada casou e por iso a coñecemos como Ada Lovelace) tendo en conta que tiña que ter tempo para o seu traballo matemático (e si, hoxe todo isto semella terrible, pero pensade que estamos a falar do século XIX). Así, e aínda que tivo 3 fillos e unha vida de dama victoriana, Ada Lovelace puido seguir centrándose na súa carreira matemática. Coñeceu a algúns dos principais xenios da súa época, como foi Charles Babbage, o inventor da máquina diferencial e a quen durante moito tempo se lle atribuían os méritos de Ada Lovelace. Un editor pediulle a Ada que adaptara para o mercado británico as notas que un experto collera en francés dunha conferencia en Italia de Babbage (poucos na súa época podían realmente entendelo) e Ada Lovelace non só o fixo senón que aproveitou o texto para publicar as súas propias conclusións do seu traballo (e o que está considerado a primeira linguaxe de programación da historia).

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *