O demo che leve, Microsoft, asasina do Clip Art

morte clipart

Noooooooon!!!! Microsoft acaba de facer un anuncio terrible. Un deses que fan que a xente se concentre na porta das tendas (aínda que neste caso terían que ir ata Estados Unidos, que onde Microsoft ten a súa rede de stores), deixe candeas e promesas de amor eterno en posits: Microsoft vai rematar co Clip Art, esa marabillosa disciplina artística (polo menos no que toca aos seus productos). Tras anos de facernos felices e converter os nosos traballos escolares en odas ao exceso, Microsoft eliminará do Office todos eses debuxos preinstalados que usabamos con tanto amor e entusiasmo. A compañía (maldita!!!) acaba de anunciar que eliminará a base de datos de imaxes de Clip Art das novas versións do Office e que permitirá, pola contra, usar as imaxes de Bing para atopar fotos para todo aquelo para o que usabamos Clip Art. Si, Bing.

Que vai ser o próximo? Rematar coa Comic Sans?

Microsoft non deu moitas explicacións sobre a súa decisión, aínda que os medios estadounidenses que recolleron a noticia xa falan de fin dunha época e de nostalxia. A ver, o Clip Art era tan 1995 que era de agardar que acabara sendo sacrificado no altar do progreso. Pero, por outra banda, todos eses debuxos teñen xa unha parte da importante e tan destacada no noso corazón que pensar na súa desaparición do programa de ofimática no que todos pensamos sempre fai que ese mesmo corazonciño se parta un pouquiño.

clipart

Clip Art tivo unha vida antes de Office (e terá unha despois, que para algo existe internet, só que será máis complicada e estará máis lonxe de onde nós o buscabamos sempre). Os debuxos xa existían antes de que o Office chegara ás nosas vidas, pero foi ese momento crucial o que fixo que se afianzase nas nosas existencias. O Clip Art valía para todo. Era a arma total para as notas agresivas dos veciños, era o secreto do éxito da portada do traballo aquel para clase, era o toque odiable dos Power Points que poñían os profesores (mesmo peor que os que lles metían sons) ou era o elemento total que facía que todo texto low cost se convertera nunha pequena obra de arte.

Todos eses debuxos de cores planas, simplicidade e aires dignos dos xerseis con ombreiras eran elementos facilmente recoñecibles e lixeiramente encantadores. Nada podía expresar mellor o triunfo, o fracaso, as promesas de amor ou as ameazas por non tirar da cadea do WC que un bo debuxo de Clip Art.

E por iso non podemos deixar de maldicir a Microsoft. Primeiro quitounos a Clipo. Logo púxose hipster co odioso estilo Metro (que fixo de todos os que tivemos que mercar un ordenador uns sufridores da desaparición do botón de inicio). E agora quítanos os Clip Art. Nunca che perdoaremos.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *