Sidekick ou como saber quen le o teu mail

sidekick

Cantos artigos sobre productividade les ao día? Canto tempo perdes lendo cousas sobre como non procrastinar? Ai, a paradoxa da vida moderna. E aquí estás unha vez máis, lendo outro texto deses que promete cambiarche a vida, ao que chegaches tras un titular chamativo que soa un pouco a spam. Porque do “quen le o teu mail” ao “quen visita o teu perfil” hai só un paso. Pero isto non é malware, de verdade. Sidekick é, na miña humilde opinión, a mellor extensión para Gmail da historia. Unha desas que probas e de súpeto cambian todo. E non, non me pagan.

De que se trata? Precisamente do que indica o título: de saber quen le o teu mail. Ou, mellor dito, os teus mails. Así de sinxelo. Instalas Sidekick e verás como en todos os mails que queres enviar desde Gmail aparece un botón novo e unha casiña que podes marcar ou non. Se a marcas haberá seguimento e recibirás unha notificación cando alguén abra ese correo que enviaches. Outra notificación se incluíras enlaces e pinchan sobre eles. E isto de súpeto cambia o teu día a día, a forma na que traballas.

Falo da miña experiencia persoal, pero supoño que se o email ten unha importancia vital no teu traballo verás o cambio tamén. Explico un pouco. Envío un correo a un cliente propondo unha serie de temas para artigos. As notificacións axudan a saber que esperar: se leu o correo podo adicarme a outra cousa sabendo que a mensaxe chegou; se o leu e pasados uns días non contesta, podo enviar outro por se se esqueceu (ignorarme? non!); se nunca chega a abrilo, podo pensar noutras vías de comunicación ou contactos nesa empresa. Quizais xa non traballe alí ou estea de vacacións.

A frecuencia coa que vexo que len o correo axuda tamén a tomar decisións. Imaxina que envías o teu CV a algunha empresa. Ves que abren o correo e fan click sobre o enlace ao teu Linkedin. Ben. Pasados uns días, ti non tes resposta, pero ves que volven a ler o correo e visitar o teu Linkedin, e así varias veces. Está claro que están a valorar a túa candidatura en serio. Por que non aproveitar para enviar un mail de reforzo? Quizais con algunha escusa crible, como información nova sobre ti que non incluíras ou algo que lles poida interesar a eles. Tes xa case un pé dentro.

Outra das cousas que permite Sidekick é programar os correos que queres enviar. Para que?, dirás. No meu caso, para non esquecer enviar mensaxes que non quero que cheguen a deshoras. Pode que sexan as 9 da noite e eu estea aínda traballando, pero a miña pequena teima de freelance é a de educar aos clientes. A partir das 6 non traballo de forma oficial, así que non envío correos electrónicos. Como non esquecer facelo? Escribíndoo no momento e programándoo para que sexa enviado ao día seguinte. Maxia.

sidekick2

Sidekick (antes chamábase Signals) crea tamén unha columna á dereita cada vez que abres un correo, informándote sobre a túa historia con ese contacto, que correos teus abriu, cando e en que enlaces fixo click.

A primeira vista todo isto parece unha parvada e eu fun a primeira en instalar a extensión sen moita esperanza, só por probar. Pero hai algo nese saber máis ou menos que está a pasar ao outro lado que permite relaxarnos, esquecer un pouco o estrés e tomar decisións con máis facilidade. Algo moi importante no noso día a día de velocidade e mensaxes e esperar por outras persoas. E si, dá un pouco de mal rollo ao principio (sénteste un pouco espía e tes medo de que no outro lado se decaten de todo), pero non tardas moito en afacerte ao teu novo Gmail. E xa non poderás vivir sen Sidekick.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *