O móbil pataca coma obxecto vintage

lekki

Tiña que ocorrer. Pasou coa roupa, cos vinilos, cos casetes, coas vaixelas floreadas que tanto horror nos producían de pequenos, cos papeis pintados… era só cuestión de tempo que pasase cos móbiles. Seguramente algunha vez viches a alguén cun teléfono enorme, deses da era pre-whatsapp, e fixeches a broma de chamalo “retro”. En realidade eras (eramos todos) un visionario.

A compañía francesa Lëkki adícase, desde hai máis de catro anos,  a recuperar e customizar móbiles  e videoconsolas dos anos 90 co obxectivo de “volver ao básico”. Está claro que estamos nunha era de sobrecomunicación, demasiadas redes sociais e aplicacións que, segundo Lëkki, fannos escravos da tecnoloxía. Eles propoñen unha solución, optar por estes teléfonos de segunda man renovados que ademais supoñen a mellor decisión desde o punto de vista medioambiental. E é que a vida media desde tipo de produtos tecnolóxicos é de 18 meses, mentres que fan falla entre 5 e 7 anos para contrarrestar as emisións de carbono producidas coa creación.

O que fai Lëkki é reciclar os vellos móbiles e videoconsolas, arranxándoos para asegurar un correcto funcionamento, pero sobre todo, pintándoos de cores para lograr un produto máis atractivo e sorprendente (aínda que tamén podes optar por mercar os teléfonos tal e como eran orixinalmente). Polo momento podemos mercar móbiles como o Motorola StarTac 130 ou o Ericsson A2628, aínda que a oferta irá crecendo ao longo dos próximos meses. En canto as videoconsolas, propoñen a SuperNintendo, a Nintendo 64 e a Game Boy Color.

lekki mobil

E que pasa cos prezos? Que están ao nivel de calquera artigo de moda destinado aos hipsters: os móbiles custan entre 80 e 200 euros, algo que pode parecer excesivo para un móbil que só che deixa chamar e escribir mensaxes (é o valor engadido do vintage). Nós fomos máis prácticas, probamos o de volver aos móbiles antigos (ou que o semellan) pero sen sobrecusto adicional. Case che propoño que, se es hábil, arranxes e pintes ti mesmo o aquel móbil do século XX que aínda anda por casa.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará