Nic.gal: a primeira web do .gal

nicgal

Queda aínda menos para que o dominio .gal estea plenamente operativo. En xuño do ano pasado, o ICANN confirmaba que Galicia tería unha identidade propia na rede, co que supoñía un novo dominio por criterios lingüísticos similar ao que ocorre, por exemplo, co .cat, o dominio catalán que xestiona a Fundació puntCAT. O .cat foi o primeiro dominio que foi outorgado por criterios de lingua e  xa conseguiu bastante éxito.  Multinacionais como Google, a Fnac, IBM ou Decathlon contan con webs .cat e xa hai case 75.000 webs con ese dominio. A máis popular é, seguramente, a de Nyan.cat, o famoso meme da rede, e que foi traducida ao catalán polo seu creador para adecuarse aos requisitos do dominio.

No caso do .gal, a cousa aínda non está tan avanzada, pero vai polo (moi) bo camiño. A rede xa conta coa primeira web con este dominio: Nic.gal, que como nos explican dende a Asociación Puntogal é “un dominio técnico” que funciona como primeiro paso pasa poñer en marcha o novo dominio de internet. “É o punto e a parte”, indicanos un dos portavoces da asociación por teléfono. O próximo xa serán os dominios reais, por así dicilo, de institucións, empresas ou medios de comunicación que desexen empregar o .gal. Aínda que, polo momento, tocará agardar aínda un pouco máis. Dende a Asociación Puntogal indícannos que anunciarán como, cando e por canto se poderán rexistrar dominios .gal. O anuncio non ten aínda data exacta aínda que – a estas alturas da aventura – podemos predicir que non será en moito tempo.

E aínda que non hai datas exactas para que que o .gal estea en funcionamento, si hai moito interese. Dende a Asociación Puntogal, confírmanos que si, que tanto institucións, como entidades ou empresas están interesadas en usar o dominio .gal. Cantas webs .gal poderán aparecer na rede? “Estamos coa estimación inicial de 8.000 rexistros no primeiro ano“, apuntan dende a Asociación, baseándose no volume de rexistros en Galicia de webs e nos resultados de dominios similares no seu primeiro ano de vida. Recordan iso si que é unha estimación e que “oxalá” se consiga.

Así culminarán 7 anos de traballo dun equipo de voluntarios formado por 9 persoas que son quen estiveron traballando, dende que alá polo 2007 escoitaron que o ICANN ía abrir unha apertura de dominios, para conseguir unha identidade para Galicia na rede.

Exportación de .gal? 

Polo momento, mentres dende a Asociación Puntogal non anuncian as características básicas para poder ter un dominio .gal, todo é especular. Pero como facer teorías mola, imos alá! Podemos coller como exemplo o .cat. Para poder ter un dominio .cat, non hai máis remedio que ou ben ser unha web relacionada coa cultura catalá ou ben traducir os contidos ao catalán. O .cat, tendo en conta o que cat significa en inglés, é un dominio atractivo para facer xogos de palabras. De aí, por exemplo, o de Nyan.cat.

Pero non só o .cat ten un atractivo para os xogos de palabras en inglés. Gal, en inglés, é unha forma coloquial de dicir rapaza. Faranse os de NastyGal cun dominio .gal? 

Shares

Etiquetas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará