Galicia xa ten o .gal!

Galicia xa ten o .gal!

Galicia xa ten a súa identidade propia na rede: o ICANN vén de aprobar o .gal, o dominio que fará posible que todas as páxinas que o desexen se identifiquen como galegas. “As letras .gal vanlle estar recordando ao mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego”, explicaba o presidente da asociación PuntoGAL, Manuel González, na roda de prensa na que se anunciou a nova, sobre a importancia que ten a noticia para a cultura galega.

O .gal non é flor dun día. Detrás do dominio hai sete anos de traballo da asociación creada para a súa consecución, a asociación PuntoGAL, da que forman parte dende a Real Academia Galega ata o Colexio Oficial de Xornalistas ou a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, entre outros moitos organismos diversos. A petición do .gal inspirouse, por así dicilo, na historio do .cat.

A lingua catalá ten dende 2006 o seu propio dominio. Detrás do .cat estivo o traballo da sociedade catalá, que loitou por conseguir (como acaba de ocorrer co .gal) unha marca que identificase os contidos na súa lingua na rede. As normas para ter un dominio .cat son claras: só se lle outorga a aquelas páxinas que están en catalán e permiten difundir a cultura desa lingua. Por iso, por exemplo, a web do Nyan Cat está traducida ao catalán: cando o seu creador descubriu que existía un dominio .cat decidiu que era perfecto (cat non deixa de ser gato en inglés) e axustouse ás condicións esixidas. “Alegroume descubrir que as restricións do dominio eran bastante indulxentes e montei o meu site con esas restricións en mente”, explicaba hai uns meses Huy Hong, o cerebro detrás do Nyan Cat. No .cat non só se sumaron empresas ou páxinas locais. Google, a Fnac, IBM ou Decathlon teñen enderezos nese dominio e xa hai 61.402 enderezos web rexistrados co .cat como dominio.

Foto | Andrés Fraga

Shares

6 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *