As redes sociais (mainstream) e o galego

social media iconas

O 91% dos internautas españois ten contas activas en redes sociais, segundo datos do último estudio de mercado en social media de The Cocktail Analysis. Non só empregan unha rede, senón que contan de media con 2,31 perfís. Facebook chega ao 85% dos internautas, Twitter ao 32 e Tuenti ao 36 de todo o estado. Certo é que existen redes sociais locais que ofrecen os seus servizos en galego, como Cabozo, pero que ocorre cos usuarios que queren empregar as redes máis mainstream na súa lingua? Facebook, Google +, Tuenti ou Twitter están xa dispoñibles en galego, aínda que o camiño non sempre foi sinxelo.

De todas estas empresas, só Tuenti conta en realidade cun tradutor na plantilla, quen no só mantén o site operativo en lingua galega senón que ademais ofrece un servizo de atención ao cliente en galego (incluso a súa operadora de telecomunicacións, Tuenti Móvil, pode empregarse en galego). “Contamos cunha páxina oficial no Tuenti a través da cal propomos concursos e interactuamos cos nosos usuarios”, explícanos (en galego, por suposto) por correo electrónico Javier Moreno Insua, responsable de tradución e soporte en galego. “Ademais, mantemos o contacto con asociacións e institucións de Galicia para que se fagan máis visibles na nosa plataforma”, apunta, indicando que sempre están abertos a traballar na normalización da lingua. “Diso dá fé o premio que acadamos de Abertos ao Galego que nos outorgou A Mesa Pola Normalización Lingüística”, afirma Javier Moreno.

TuentiGalego

No caso de Facebook foi unha tradución colectiva a que conseguiu que o servizo estivese en galego (como sucedera pouco antes co castelán) e no de Twitter ese está sendo o camiño tamén para logralo. “Respecto as reivindicacións para conseguir o Twitter na nosa lingua foron bastante explícitos coa resposta: conseguir moitos usuarios/as que estean dispostos a traducir a rede social ao galego”, cóntanos por mail Carlos García, de Tweet en galego, sobre a resposta que tiveron por parte de Twitter ante as peticións por contar coa rede de microblogging en galego. “Google + lanzouse en galego pouco despois de saír a versión en español”, dinnos dende o departamento de comunicación de Google. “Actualmente, Google + está dispoñible en 60 idiomas, entre eles o español, o catalán, o galego e o éuscara”. Lembremos, de xeito paralelo, que Google conta cunha tecnoloxía moi depurada de traducións.

Por que en galego?

Contar coas diferentes redes sociais en galego non é só unha cuestión práctica. Vale que moitos de nós usabamos Twitter ou Facebook en inglés cando non había outras opcións, pero contar coas redes sociais en galego é algo máis que unha cuestión de uso, é unha cuestión, por así dicilo, de imaxe. “Que teñamos o Facebook e agora o Twitter na nosa lingua fai que tanto o galego, como Galiza e a cultura galega teñan visibilidade no mundo”, dinnos dende Tweet en galego cando lle preguntamos por que é tan importante ter Twitter en galego. “Abrindo novas fiestras para dar a coñecer o noso país, ademais de facer ver aos propios galegofalantes de que a súa lingua ten peso e presenza nas redes globais, algo bastante importante a tratar para rematar co auto prexuízo que se atopa moi arraigado na sociedade galega”. Se a iso se lle suma que o perfil de usuario do social media soe ser xuvenil, a ecuación semella completa. As redes sociais axudan, por tanto, a normalizar a presenza do galego.

Disquecool - Google+No caso das empresas, a lingua non é máis que o soporte para dar un servizo a uns usuarios que o piden. “Como parte da misión de Google é a de facer que a información sexa universalmente accesible, continuamos ampliando o número de idiomas e a cobertura das versións internacionais dos produtos de Google”, explícannos dende o departamento de comunicación do xigante de internet.

No caso de Tuenti, todo foi incluso máis natural. “Hai dúas razóns principais polas que contamos cunha versión en galego no Tuenti. A primeira é que os propios usuarios solicitaron de maneira masiva esa opción a través da propia plataforma”, cóntanos Javier Moreno, responsable de tradución e soporte en galego. “A outra é fácil: se a rede é un fiel reflexo da sociedade e hai mozos e mozas galegos que se expresan na súa lingua tanto na rúa como na rede, por que non darlles a oportunidade de navegar polo Tuenti en galego”, conclúe. Tuenti é tamén a única das compañías de social media (e intentámolo con todas as grandes) que responde sen problemas á pregunta de canta xente emprega a rede en galego: “Actualmente, 130.000 usuarios, isto é un 30% dos usuarios galegos, teñen o Tuenti en lingua galega, unha cifra que non deixa de crecer desde que a plataforma foi traducida en decembro do 2009”. O galego non funciona mellor nin peor que outras linguas. “As versións en catalán e éuscaro tamén teñen unha grande aceptación nas súas propias comunidades cunhas porcentaxes similares ás da versión en galego”, dinos Javier.

Unha campaña en trending topics

A tradución é algo que sae das empresas ou dos seus usuarios, pero que se realiza sen contar coa axuda ou co apoio das administracións públicas galegas. A campaña para ter un Twitter en galego foi unha iniciativa cidadá, que conseguiu unha incrible notoriedade grazas a acadar varios trending topics mundiais. “O primeiro trending topic foi toda unha sorpresa, porque foi a nivel mundial e logo porque nunca pensei que se podía conseguir facer un TT en galego con tanta forza”, explícannos dende Tweet en galego.

“Non recibimos ningún tipo de axuda por parte das administracións públicas galegas nin pensamos niso”, apuntan dende Tuenti, sinalando que teñen unha boa relación coa Xunta de Galicia coa que colaboran en campañas especiais. “Non, Google non recibe apoio económico nin tecnolóxico por parte das administracións públicas galegas nin das administracións doutras comunidades autónomas”, indican dende o departamento de comunicación de Google.

Outros servizos en galego

Pero non só os usuarios queren empregar as redes sociais en galego, tamén reclaman que outros servizos estean na súa lingua, aínda que non sempre é sinxelo. Mozilla, a fundación sen ánimo de lucro que está detrás de Firefox e do novo sistema operativo móbil Firefox OS, emprega voluntarios para as traducións dos seus servizos. No caso do galego, explicábanos un dos evanxelistas da compañía o sábado en Santiago, contan con un único voluntario responsable de todas as traducións de Mozilla ao galego, polo que non poden evitar ir lentos cos cambios. Calquera, lembran, pode facerse tradutor.

No caso de Google, aínda que se pode acceder ao buscador co galego como lingua principal ou poñer en galego algúns servizos, algúns dos básicos non están nesta lingua, como AdSense. “Google AdSense non está dispoñible en galego porque actualmente non hai suficientes páxinas web neste idioma como para poder ofrecer publicidade contextual en galego”, explícannos dende o departamento de comunicación de Google. Por se serve de algo, na lista que nos envían de linguas que teñen AdSense, tampouco está  o catalán.

Foto | Book Worm Laser & Design

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *