Canto temos soñado ao longo da historia coa Atlántida, esa illa afundida no océano na que, conta a lenda, unha vez houbo unha civilización brillante e avanzada. Como sería a súa televisión? E a súa radio? Quizais non teñas pensado tanto neste tema, pero se lle adicas uns minutos seguro que das cunha solución ideal. Unha radiotelevisión libre, sen censura, na que calquera pode emitir, en directo ou diferido, os contidos que desexe. E non fai falta máis equipo ca un smartphone. A democratización do audiovisual.
Agora veñen as boas novas: esa radiotelevisión podería existir dentro de pouco grazas ao proxecto que o artista e programador Berio Molina e a creadora multimedia Beka Iglesias (alias Geeksha) teñen agora mesmo na plataforma de crowdfunding Goteo.org. Chámase Adtlántida.tv (non é unha errata, o ad é pola preposición latina que significa “cara a”) e é un sistema de radiotelevisión libre que permite “emitir e consultar material audiovisual en calquera momento e desde calquera lugar, utilizando calquera dispositivo libre”.
Veña, podes dicilo. Que se Vimeo ou YouTube, que se Bambuser ou Ustream, que non entendes por que máis do mesmo. Eles mesmos responden que a diferencia está no “emprego exclusivo de ferramentas libres, na combinación nun mesmo servizo de live streaming e a demanda, ademais da liberdade de contidos, sen censura, e a ausencia de publicidade”. A cousa empeza a soar ideal.
Adtlántida.tv, que como conta Berio naceu como unha combinación dunha idea perdida do colectivo alg-a.org de “evolucionar o videolabel que tiñamos dende hai xa dez anos” e as ideas e a experiencia que Beka tiña “no campo da emisión en directo empregando ferramentas libres”, é ademais unha das cinco ideas seleccionadas pola Universidade Internacional de Andalucía (UNIA) no seu proxecto #UNIAcapitalriego, unha iniciativa xa de por si bastante especial: tras escoller aos 5 proxectos finalistas, estes entran nunha campaña de crowdfunding. UNIA cofinanciará con 10.000 euros que repartirá entre os cinco, dependendo a aportación de cada un do apoio recibido pola comunidade.
É dicir, que se a idea de Adtlántida.tv vos parece boa e necesaria, está un pouco nas vosas mans facer que chegue a algo: a campaña en Goteo.org leva xa máis do 60% e teñen aínda algo máis de dúas semanas. Escolle recompensa e aporta a cantidade que queiras (e mira tamén as súas necesidades non monetarias se queres colaborar doutra forma)… entre todos a Atlántida volverá a saír a flote!