Canon G1X: Análise

Canon G1X

Cada pouco tempo alguén me chama e me pregunta que cámara lle recomendo. A decisión nunca foi sinxela: hai moitas no mercado e moitas moi similares. Pero de vez en cando aparecen nos catálogos cámaras que chaman a atención, que se desmarcan do resto. A G1X é una delas. Herdeira dunha saga de cámaras compactas, as Powershot G, que buscaban ir algo máis aló do mero automatismo, a G1X dá un novo paso no concepto de compacta avanzada.

A principal diferencia desta cámara fronte a outras compactas avanzadas da mesma Canon ou doutras marcas é o tamaño do seu sensor, que é do mesmo tamaño das réflex de gama media como a Eos 7D. Este sensor, xunto coa posibilidade de disparar en formato raw colocan a esta pequena cámara na mesma balda das réflex dixitais o dobre de caras que ela.

Canon G1X

Cando a colles por primeira vez na man enseguida decátaste de que para ser unha compacta, tan tan pequena non é. O corpo sólido e ben construído é moi cómodo de agarrar e permite traballar cunha soa man sen problema. A pantalla xiratoria, unha das características máis publicitadas, é desas cousas que para algúns é imprescindible, e que outros non utilizamos nunca, aínda que pode chegar a ter algunha utilidade á hora de facer vídeo ou de experimentar con novos encadres. En calquera caso, a pantalla é sólida e non molesta.

O detalle dos diais físicos de modo de disparo e os de sub/sobre exposición fai que o uso da cámara sexa moi cómodo. O resto de accións de uso común tamén están accesibles de maneira cómoda na parte de atrás da cámara e son de fácil aceso co polgar. Esta presencia de botóns físicos axuda a unha rápida relación coa cámara e fixo que nun par de dias me sentise tan cómodo con ela como coa miña réflex.

Canon G1XCunha óptica especificamente deseñada para un sensor do seu tamaño, a G1X ofrécenos un rango equivalente de 28mm a 112mm que serve para resolver o 90% das situación que afronte a maior parte da xente cunha cámara deste tamaño. Pero é neste punto onde a pericia de Canon para meter tanto en tan pouco ten o primeiro descoido. Se ben a luminosidade da lente na súa posición máis angular é de f/2.8, a óptica chega a alcanzar os f/5.8 na posición máis tele. É xusto dicir que o correcto funcionamento do estabilizador de imaxe e a posibilidade de traballar a sensibilidades moi altas compensa en gran parte esta falta de luminosidade.

Outro aspecto que pode resultar estraño, sobre todo para os usuarios que veñan dunha cámara compacta, é a distancia mínima de enfoque. Unha consecuencia inevitable do aumento do tamaño do sensor é o amento da distancia focal das ópticas, e en consecuencia da distancia mínima de enfoque, que se estira ata os 20 cm en modo macro. Esta distancia é máis pequena que a maioría das ópticas utilizadas en cámaras réflex (a excepción dos obxectivos específicos de macro, claro) pero si que é certo que é maior que a de moitas cámaras compactas con sensores moito máis pequenos. De todos xeitos isto non debería ser un problema a non ser que sexades afeccionados a fotografar detalles de flores ou pequenos insectos.

O verdadeiramente interesante desta cámara chega cando abrimos as fotos no ordenador. As promesas de calidade de imaxe vense sobradamente cumpridas se disparamos en jpg, pero é en raw cando esta cámara cobra toda a súa importancia. As imaxes contan cunha agradábel latitude que nos permite recuperar moitísima información tanto nas sombras como nas altas luces. O baixo nivel de ruído permítenos disparar a sensibilidades de 1600 ISO con tranquilidade e forzar as imaxes no revelado sen medo a que se nos empasten as sombras. Cando disparamos en raw a G1X saca todo o seu potencial, e sería certamente unha pena non aproveitar toda esta información.

En definitiva a G1X é unha gran cámara, e sobre todo unha gran alternativa as réflex dixitais de gama baixa. Cun prezo que ronda os 550€, ofrece nun tamaño moi reducido un bo sensor e unha moi boa óptica, que, no meu punto de vista, a colocan diante de moitas réflex dixitais de prezos incluso superiores. Unha cámara perfecta para viaxes e para afeccionados á fotografía que queiran dar un paso máis na mellora da calidade das súas fotos.

* Análise feita grazas ao terminal cedido por Canon a Disquecool

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará