5 xogos para perder o tempo no traballo

procrastinarOs luns son sempre sinónimo de volver ao traballo, encherse de café e intentar que a xornada pase canto antes mentres esperamos, desesperados, a que chegue o venres. Para que esa espera sexa máis sinxela, existen varios trucos: non mirar o reloxo, facer avións de papel, falar cos compañeiros, etc. (hai quen di que traballar axuda tamén a que a semana pase antes; pero non hai estudos que o corroboren). Preséntovos aquí: cinco xogos para perder tempo no traballo. Comezamos.

Luns: KernType

Xogo para frikis das tipografías. O funcionamento é sinxelo: coa axuda do rato temos que recolocar as letras segundo a tipografía. Unha vez axustado o kerning comparamos o noso resultado co real e obtemos a diferencia cunha porcentaxe. Sinxelo: si. Adictivo: tamén! Ante esta aparencia inofensiva, agóchase un xogo que pode ocuparnos parte da mañá. Ideal para un luns cando as neuronas non están aínda a pleno rendemento.

Martes: 99 Bricks

Todos os que xogamos ao Tetris intentamos, nalgún momento da partida, crear unha estrutura con algunha forma. Diso, máis ou menos, vai 99 Bricks. Usando as pezas de tetris temos que construír unha torre o máis alta posible. Neste xogo só hai unha regra: a gravidade. A medida que a torre vai gañando altitude a estrutura comezará a balancearse. Así que, asegurádevos de crear unha base estable ou non duraredes moitos pisos.

Mércores: The Wiki Game

Xa estamos na metade da semana, así que teredes o cerebro algo máis espelido. Perfecto para poñelo a proba nunha carreira a través da Wikipedia. O xogo proporanos dous termos (un de inicio e outro de final) e nós teremos que navegar, mediante outros artigos de Wikipedia relacionados, ata chegar á meta. A clave deste xogo é a imaxinación. As asociacións absurdas ás veces poden funcionar pero cómpre estar atento e clicar como un tolo ata irse aproximando ao final.

Xoves: Cargo Bridge

Enxeñeiros, aquí tedes un xogo ideal. Cun deseño simple e gracioso, teremos que axudar aos pequenos traballadores a levar a carga dende un punto a outro construíndo pontes estables. Uns piares moi frouxos ou non distribuír o peso da ponte de forma correcta provocará o derrubamento da ponte e, polo tanto, a caída dos traballadores. Aditivo ata o punto de frustrarte cando levas 5 minutos creando unha ponte que cae nada máis poñerlle o pé enriba. Imprescindible casco de construción!

Venres: Corporation Inc

E xa é venres. O día que máis amodo pasa de toda a semana. Para axudar a que remate cedo, traio o máis adictivo de todos os xogos desta recompilación: Corporation Inc. Desta volta, temos que fundar unha empresa e levala ao éxito. Si, probablemente isto debería ser o que deberiamos estar facendo no noso traballo real pero… xa é venres, así que xa nin merece a pela intentalo. Como dicía, na nosa empresa nós decidimos cantos empregados contratar. A medida que a empresa comece a xerar beneficios poderemos construír un ximnasio, un restaurante, máis pisos e ascensores. A procrastinación está asegurada nun xogo que pode durar horas! 

BONUS: Happy Wheels [só para xente sen escrúpulos]

Para todos aqueles que desfrutáchedes facendo caer aos traballadores no Cargo Bridge traio un xogo (bastante) gore e absurdo: Happy Wheels. En diferentes niveis, absurdos todos eles, teremos que chegar á meta sorteando todo tipo de obstáculos: bombas, arpóns, pinchos. O noso personaxe variará dende un pai co seu fillo en bicicleta ata un señor nunha máquina corta céspede. A sangue e os ósos rotos estarán sempre presentes nun xogo moi violento e non recomendado para os moi escrupulosos.

Foto | ronocdh

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará