Papyre 602, outra opción en ereaders

papyregrammata

Cando falamos de ereaders, o aparato electrónico que permite ler ebooks, sempre acabamos pensando nos dispositivos que fabrican ou venden as grandes firmas. Sen embargo, hai moita máis vida máis alá dos grandes nomes coñecidos. En España, de feito, durante moito tempo quen máis vendían eran firmas españolas que distribuían os seus propios dispositivos. Unha delas é Grammata, cos seus ereaders Papyre.

Nós acabamos de probar o Papyre 602, a última versión da súa familia de ereaders en chegar ao mercado. Segundo a descrición da súa ficha técnica, o ereader é lixeiro (pesa 200 gramos), ten unha memoria interna de 4GB que permite almacenar uns 3.500 libros e chega en días cores para poder escoller (grafito e azul). Ten un ancho menor de un centímetro e prometen que podes levalo practicamente en calquera lugar. Todas estas cousas son certas. O Papyre pesa moi pouco e cabe, como se agarda dun ereader, en calquera lugar. Para unha lectora habitual de libro electrónico (usuaria entusiasta dun Kindle), o Papyre 602 iguala todas esas comodidades que ofrece o dispositivo de Amazon. É lixeiro, é sinxelo de empregar e non precisa de grandes traballos previos para poder sentarse a ler un libro electrónico. E, a diferencia do terminal de Amazon e doutros que están ligados a unha marca, admite unha chea de formatos (ePub tanto con como sen DRM, PDF, txt, fb2, mobi ou rtf) cubrindo a habitual lista que ofertan as librarías virtuais.

Introducir os libros no dispositivo tamén é sinxelo: só hai que conectar o ereader ao ordenador e, como se fose un dispositivo de almacenamento calquera, arrastrar. (Se o ebook está protexido con DRM todos sabemos que o proceso será moito máis complexo, pero aí os fabricantes pouco poden facer).

A verdade é que o Papyre 602 é un dispositivo óptimo. O mundo dos ereaders é realmente simple e pouco se pode agardar do terminal máis alá de que permita ler o libro electrónico que toque(e tampouco hai que pedirlles máis: con máis cousas serían unha tableta e iso é outro cantar). O único que podo obxectar a este ereader é que, acostumada aos botóns de cambio de páxina do Kindle, cos do Papyre custábame acertar: ou lle daba con demasiado entusiasmo e pasaba unha chea de páxinas ou quedaba escasa de entusiasmo e non pasaba nada.

O Papyre 602 ten un prezo de 99 euros

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *