Ao principio de todo estaba ben. Abrías unha conta en Facebook, engadías aos teus amigos (ou “amigos”, naqueles tempos engadías aos poucos contactos que xa tivesen unha conta), subías fotos e vías as que subían eles. As actualizacións de estado non existían (isto é verídico, non apareceron ata setembro de 2006), non dicías “gústame”, non compartías absolutamente todo. E, sobre todo, non tiñas que sabelo todo desa xente e dos seus amigos. O social media era unha boa idea, pero non soubemos xestionalo ben. Fóisenos das mans e a consecuencia lóxica está xa aquí: ao rock progresivo do social acaba de nacerlle o punk. Son as apps antisociais. E como nos gustan.
Podería dicirse que unha das primeiras apps deste tipo foi Path, aquela rede social móbil tan bonitiña que se puxo de moda o ano pasado e que limitaba o número de amigos a 50 (despois subiu o límite a 150). Nun momento no que a maioría dos usuarios superan os 200 amigos en Facebook, no que todo o mundo quere un millón de followers en Twitter e no que engadimos a calquera en Linkedin por-se-acaso-triunfan-e me-poden-dar-traballo-e-sacar de pobre, a proposta de Path parecía arriscada. E foi recibida con eloxios e gabanzas, pese ao escándalo de privacidade que tivo en pleno apoxeo.
Esa tendencia albiscada o ano pasado parece que chega con moita máis forza en 2013. Si, queridos lectores, compartir é xa tan mainstream que o que toca agora e desintoxicarse diso de ter tantos amigos e coñecer a tanta xente e buscar a aprobación de todos. Dade o golpe na mesa. Dicide: basta! E non vos preocupedes: a nova tendencia antisocial non significa ter que deixar o móbil ou internet a un lado (uf), tan só baixarse algunha app diferente.
Un claro exemplo é a idea de Avoid The Shopping Crowds, unha app holandesa que serve para o que di o seu nome: evitar ás multitudes ao ir de compras (algo bastante útil en tempos de rebaixas). A aplicación recolle datos de actualizacións públicas que fan usuarios en Foursquare, Facebook ou Twitter, pásaos por “unha máquina máxica” e calcula a densidade humana que hai en cada lugar a cada momento, permitíndolle ao usuario saber que zonas teñen menos xente e cales están cheas. Os programadores din que é a primeira de moitas apps antisociais: haberá versión para museos, esquí e praias. O malo? De momento funcionan só en Amsterdam.
Avoid The Shopping Crowds from daniel rosquist on Vimeo.
Estas apps son para ser antisociais na vida real, pero que hai da vida virtual? Hai tamén aplicacións nas que non se busquen a aprobación, os likes, ou a simple exposición pública a amigos e coñecidos? Claro que si. O exemplo neste caso é Rando, unha app-experimento para iPhone na que os usuarios fan fotos e as comparten, pero só cun usuario ao que non coñecen e do que nunca recibirán feedback. Recibirán a cambio, iso si, unha foto dalgún outro usuario aleatorio. Non hai “gústame” nin comentarios. Compartir sendo antisocial. O seu obxectivo parece ser puramente antropolóxico:
Que pasa cando non é posible comunicarse entre usuarios neste mundo de redes sociais no que vivimos? Sentiranse incentivados os usuarios se non poden darse palmadiñas nas costas con likes? Engancharaste se non podes seguir a usuarios específicos? E que pasa cando produces algo pero non tes control sobre quen o vai ver?
A nova tendencia non se queda só nas apps. Algunhas marcas están xa a darlles unha volta ás súas campañas de social media converténdoas nun reto moito máis duro. Os concursos xa non son gañados por quen consiga máis “gústame”s: Diesel fixo un hai unhas semanas no que se podían gañar unhas “deportivas retro pre-Internet”. Que había que facer? Nada. Durante o tempo do concurso, os participantes debían reducir a mínimos a súa actividade en redes sociais. Diesel monitorizaría os gústame, comentarios, actualizacións, retweets, etc. dos concursantes. Quen menos actividade tivese, gañaba as zapatillas. Serías quen de estar unha semana sen facer un gústame en Facebook? Sen marcar como favorito un tuit? Sen actualizar o teu estado?
A tendencia está aquí e parece bastante sana. A saturación social á que estamos expostos todos os días en todo momento non pode ser boa para os nosos cerebros. Quizais con este novo rexurdir hipster do antisocial academos unha virtuosa situación intermedia. Ninguén quere ter un millón de amigos. Nin sequera Roberto Carlos.
Si home, a día de hoxe se non compartes non existes ou non tes vida . Hahaha paréceme apps xeniais. :)