iMarisco, unha app para saber onde comer e como facer marisco

telefonosPosible xa empregásemos este mesmo reclamo en moitos artigos, pero é que é tan bo que non se pode deixar de usar: como dicían nos primeiros anuncios do iPhone e como nos prometeu un día o finado Steve Jobs, sexa o que sexa o que precises sempre hai unha app para as túas necesidades, desexos ou gustos. E que cousa nos gusta máis en Galicia que o marisco? Polo menos esta é unha das cousas que máis lle gusta a Marcos Zender, que é quen está detrás dunha app centrada, por suposto, no marisco, iMarisco.

“Vou dedicar unha aplicación á comida coa que máis desfruto porque ben a merece!”, explícanos por correo electrónico sobre como decidiu lanzarse a facela. “Hai un tempo que vivo fóra de Galicia e a verdade é que se botan unhas cantas cousas de menos, e a gastronomía ocupa boa parte do porcentaxe”, cóntanos, por iso gústalle facer comida galega e invitar aos seus amigos a comer. “Foi así como me din conta da idea xeneralizada que ten a xente de que o marisco é algo de luxo, difícil de cociñar e difícil de comer“.

A app é gratuíta e funciona a dous niveles. Por unha banda pódese empregar como unha rede de xeolocalización, para atopar a marisquería que está máis preto de nós, como un Foursquare altamente especializado. Para atopar a marisquería máis próxima só hai que axitar o smartphone, como se fose unha maraca. “Na aplicación pódese atopar unha axuda na búsqueda de marisquerías, pero sobre todo funciona como un compañeiro na cociña”, dinos Zender.

captura_restaurantePorque o outro punto no que funciona iMarisco é xusto ese: o de ser unha app de cociña igual de especializada. A app ensina como manipular o marisco antes de cociñalo, a facer diferentes receitas e como debe ser comido, demostrando que a pesar do que a xente cre o marisco é sinxelo e accesible. “As receitas son o eixe central da aplicación e a verdadeira proba de fogo á que terán que se someter os fans do marisco para ver as súas capacidades culinarias”, apunta Marcos Zender.

As receitas están ordenadas por tipo de marisco e inclúen non só as clásicas dos pratos obrigados cando se fala de marisco. “Tamén quixen introducir algunhas receitas pertencentes ao receitario clásico de outros países“, dinos, “como risotto de marisco de Italia, ostras Rockefeller estadounidenses, suflé de nécoras francés ou ceviche de marisco do Perú”.

iMarisco polo momento está só dispoñible para iOS  aínda que o seu responsable xa nos di que aínda que “non poderá ser nun prazo curto” si lanzará unha versión para Android. “A intención é que todos poidan desfrutala sen importar o sistema operativo”.

Foto (portada) |  iheitlager

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará