Mark Zuckerberg pode estar contento: con Facebook iniciou un mundo no que todo é positivo. Les unha actualización de estado, ves un vídeo, unha foto e só podes dicir que che gusta ou permanecer indiferente. Certo, vale, podes comentar e dar a túa opinión real, os clásicos comentarios “non me gusta”, pero require máis esforzo que un simple click. Facebook ten que ser un sitio positivo e conseguiu que todas as redes sociais continúen por aí. Facemos +1s en Google+, poñemos corazóns en Instagram… e si, en YouTube podes darlle ao polgar cara abaixo, pero non é o mesmo. Que facer con toda esta enerxía negativa? Golpear cousas? Descargala en Chuza? Os usuarios de iPhone tedes unha opción máis: a app Hater.
O nome deixa bastante claro de que estamos a falar e eles mesmos o din na súa publicidade: “comparte as cousas que odias con xente á que queres”. Unha aplicación, unha pequena rede social para falar das cousas que non nos gustan. O deseño é moi similar ao de Instagram (vaia, claramente inspirado neles): fas unha foto co móbil, compártela cos teus seguidores cun texto e esperas as reaccións. O teu feed estará chea de fotos dos teus contactos de cousas que non lles gustan, e as túas opcións son só dúas: darlle ao polgar para abaixo ou á estrela, que marca algo como favorito (pero favorito non necesariamente como bo, senón como o clásico marcador dun contido que queres revisitar no futuro).
Así de primeiras a app podería contar co favor de moita xente que vive da negatividade, pero enfadará aos que cremos que o primeiro paso para ser feliz e o autoconvencimento (mirar no espello e dicir sonfeliz -que saibades que hai estudos que din que o simple xesto de sorrir, ata o sorriso falso, envía a mensaxe ao cerebro de que estamos contentos e fai que vexamos o mundo mellor!), polo que apps como Hater tan só poden rematar nun mundo peor. Pero resulta que a idea non é esa. A idea é tamén a de crear conciencia e facer que as cousas se arranxen.
Como? De forma ben sinxela: ti vas tranquilo pola rúa co teu iPhone no peto. De súpeto tropezas con algo: a baldosa da aceira totalmente rota. Sacas unha foto e a subes a Hater, deixando claro onde estás e a culpa de que concello é. Todo o mundo di “non me gusta”. O tema vólvese viral e chega ata o concello. A presión social fai que arranxen a baldosa! Esa é a idea, polo menos, despois todos sabemos que a vida non é así e que no concello nunca saberán da app Hater e que, incluso sabéndoo, a cousa tería que converterse nalgo escandaloso para que tomasen medidas (e ás veces nin así…).
A intención é boa, despois está o que poida facer a xente coa app, presentada estes días no SXSW e unha das cousas das que máis se falou. Podería desde ser usada directamente para o mal (para insultar a xente!) ou, o máis probable, para alimentar os soños dos usuarios autocompasivos. Todos temos a algún (máis de un, normalmente) entre os nosos contactos (pode ata que vós sexades deles, aínda que non o recoñezades), eses que só falan do mal que lles vai todo e de como o mundo está na súa contra. Haberá fotos de chuvia co texto “Chove :(” e un montón de nonmegusta. E non sabemos ata que punto a presión social en contra da choiva pode chegar ata as nubes e facer que dimitan. As nubes son como os políticos.
E cando chega a Android? Cando? ;)
Enoooooorme!
Descargando XA!