Kindle Fire HD: análise

Kindle Fire HD

Xa temos todos o smartphone, o ereader, quizais teñamos un tablet dos de toda a vida (os grandes), pero non nos chega. Queremos algo máis. Un dispositivo manexable pero o suficientemente grande como para que as fotos, os xogos e os vídeos se vexan ben. Queremos un tablet deses de 7 polgadas que desde hai uns meses enchen as librerías das tendas de electrónica. Google sábeo e ten o Nexus 7. Apple tamén, co iPad Mini. E, por último, aínda que foron dos primeiros en chegar, Amazon. Primeiro co Kindle Fire. Despois foron un paso máis alá e lanzaron o Kindle Fire HD. E deste tablet é do que vos queremos falar hoxe.

Para os despistados: si, falamos dun tablet e non dun ereader. Non hai que deixarse enganar polo de que sexa un Kindle e sexa de Amazon. No momento no que lle engadiron o Fire cambiaron por completo a categoría do dispositivo. O Kindle Fire e o Kindle Fire HD non están pensados en exclusiva para ler. Son dispositivos para consumir contidos. Máis en concreto, son dispositivos para consumir contidos de Amazon. Pero vaiamos por partes.

O Kindle Fire HD é un tablet de 19,3 x 13,7 x 1,03 centímetros e 395 gramos de peso. O seu deseño exterior é bastante elegante: ao tacto é suave, cómodo de coller, cos bordes redondeados e poucas cousas que distraian. Os únicos botóns físicos que ten o Kindle Fire HD están na parte superior ou, mellor dito, tendo en conta que o tablet está pensado para ser collido en horizontal, no lado dereito. Son o botón de acender e os controis de volume, tan camuflados que non se ven -bo -, pero que moitas veces son difíciles de atopar -malo-. O tablet ten ademais dous altofalantes, situados un a cada lado, unha gran idea para conseguir un son estéreo e envolvente.

Nada máis acender o Kindle Fire HD chaman a atención as grandes marxes negras que rodean a pantalla. Nun primeiro momento parece un erro (a pantalla podería aproveitar ese espazo e ser máis grande), pero co uso queda claro por que é útil: os nosos dedos polgares poderán coller a tableta de forma segura sen tapar parte da pantalla. Estudadas as marxes, toca botar unha ollada ao que hai dentro. “Que ben se ve!”, observaremos. Non se chama HD por nada. A pantalla é de 1280×800 píxeles, cunha densidade de 216 ppp, números que se traducen nunha imaxe magnificamente nítida. Ademais, resiste bastante ben ao brillo do sol.

Un tablet para consumir contidos

Pero ¿como resulta este Kindle Fire HD unha vez que nos lanzamos ao seu uso? Resulta ben se temos claro que é unha tableta para consumir (e mercar) contidos. A pantalla de inicio é ben clara ao respecto: en grande aparece un carrusel coas últimas apps utilizadas, mentres que na parte superior hai un menú que é toda unha declaración de intencións. As categorías son “mercar”, “xogos”, “aplicacións”, “libros, “música”, “vídeos”, “fotos”, “web”, “documentos” e “ofertas”. Na parte de abaixo recomendan outras cousas que podes mercar relacionadas coa app que teñas nese momento en grande.

Amazon non quere que utilices o Kindle Fire HD para mirar as redes sociais, navegar por Internet e consultar o correo. Podes facelo, por suposto que si, pero só como usos complementarios. Deberías ir á tenda (de Amazon, claro) e descargar xogos, libros e música, ademais das apps que queiras. Queres consultar o correo? Terás que ir a pestana “aplicacións” e consultar aí a app en cuestión.

O Kindle Fire HD funciona ben nalgunhas das súas categorías estrela: os aficionados aos videoxogos, por exemplo, atoparán na tableta un aliado. Os gráficos vense de forma nítida e fluída, o tablet pode suxeitarse de forma cómoda nas mans, e moitos xogos aprovéitanse dalgunhas características do dispositivo (os mellores son sempre os que usan o acelerómetro e conta non só o que fagas na pantalla, senón como moves o tablet). Se queres ver fotos, co Kindle Fire HD tamén estarás contento: podes pasar vía USB as fotos que queiras (ou por Amazon Cloud), ou simplemente acceder ás imaxes do teu Facebook. A presentación é bonito e as fotos quedan moi ben.

Queres ver vídeos? Aquí Amazon non intentará venderchos, así que terás que acudir á túa produción propia ou pasalos ao tablet. Ver unha serie ou unha película nunha pantalla de 7 polgadas non é o ideal, pero pode salvarnos en máis dunha ocasión do aburrimento, polo que supoñemos que é cuestión de tempo antes de que Amazon empece a vender tamén contidos de vídeo dixitais (entendemos que de momento non o fai debido a problemas de dereitos).

Nexus 7, Kindle Fire HD

Nexus 7 á esquerda, Kindle Fire HD á dereita.

Despois están os libros. Non, o Kindle Fire HD non é un ereader, pero si, podes mercar e ler libros nel se queres. O problema é o esperado. Se a tinta electrónica existe é por algo e, se ben ler nunha pantalla de tablet normal é posible, é moito menos cómodo para os nosos ollos (e posiblemente san) que facelo na pantalla dun ereader. Pero tamén pasamos moitas horas do día mirando a pantalla dun ordenador. Non é que non vaiamos a ser quen de ler un libro enteiro sen que nos sangren os ollos, simplemente a experiencia é inferior á dun libro físico ou á que temos cun ereader. En canto á música, a utilidade do Kindle Fire HD podería quedarse na de mercar mp3 na Amazon Store ou escoitala con cascos. Escoitar música a través dos altofalantes do tablet, por moi coidados que estean, non é algo que ninguén vaia a facer, polo menos non como primeira opción.

Que o que ti queres é navegar por Internet? Podes facelo, claro que si, pero debes saber que se o iPad é quen se leva todo o tráfico, como sempre presume Apple, é por algo. A experiencia de navegación do Kindle Fire HD é correcta, sen pasar de aí. Hai ademais a sensación de que o navegador en si ocupa demasiado espazo na pantalla, especialmente na parte superior: as pestanas, a barra de dirección cando está, e a simple barra de notificacións de Android (porque si, moi capado, pero o Kindle Fire HD é Android no corazón) comen moito da web que estamos a ver, algo que nunha pantalla de 7 polgadas non é o máis axeitado.

Pero quédate coas apps e vencerás: le as túas webs favoritas en Flipboard ou en Google Currents, accede a Facebook e Twitter con aplicacións (que tampouco son nada do outro mundo), fala por Skype (funciona bastante ben coa única cámara que ten o tablet, frontal), mira vídeos en YouTube en Vimeo, repasa fotos das túas últimas vacacións, le o libro co que estás no teu Kindle normal se só tes o tablet a man, e xoga. Xoga moito.

O Kindle Fire HD é en definitiva un tablet moi a ter en conta á hora de mercar un, xa que xoga ademais con Google a ser bos e baratos vendendo sen marxe de beneficio e esperando sacar cartos dos contidos dixitais que descargues na súa tenda: podes mercalo por 199 euros (o de 16 GB). Iso si, se te molesta que te estean todo o tempo a intentar vender algo (a pantalla de bloqueo intenta xa levarte ata a tenda), mellor queda coas opcións máis sutís.

Fotos | Disquecool

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *