Admíteo: o teu corazón de hipster está un pouco farto de ver a xente desa que quere ser indie e especial (sen selo!) ir a mercadillos e saír cargados de vinilos de segunda man. E sentes ademais unha pequena punzada, mestura de pracer e rabia, cada vez que algún grupo lanza as súas novidades tamén en edición vinilo (o que en realidade acontece xa case no 90% dos casos). E mercar un tocadiscos novo xa non é difícil.
O mellor é aceptalo canto antes. O vinilo xa non é especial. O vinilo volve ser mainstream. Que facer? Quedarse no dixital non satisfai a nosa necesidade de encher librerías físicas e de admirar libretos, volver ao CD é quizais demasiado radical. Pensa na túa infancia, pensa nos anos 80 e nos 90. Bingo! Seguro que aínda tes por aí caixas de zapatos cheas de cintas de casete. Algunhas orixinais, outras gravadas. Quizais aínda teñas algunha virxe agardando polo seu momento. Saca as caixas de debaixo da cama e colócaas ben á vista. Estás de noraboa: as cintas de casete son o novo formato nostálxico de moda.
Se ben hai ámbitos nos que nunca deixaron de estar á orde do día (no mundo noise, especialmente), o caso é que as cintas de casete foron a gran vítima dos CDs e dos mp3. Como reacción á limpeza do son que producían ambos formatos, o reivindicado foi a calidez dos vinilos, e as cintas de casete foron esquecidas. Ata agora: grandes grupos do indie bo como Deerhunter ou Dirty Projectors sacan tamén edicións en casete (que se esgotan), Thurston Moore di que só escoita música nese formato e Beck está a gravar ‘Evol’ de Sonic Youth en cinta. Algo está a pasar.
O movemento é lóxico desde o punto de vista histórico e antropolóxico. Ben sabemos que todo volve, e se gastamos os nosos cartos en carretes para a Lomo cando existe a fotografía dixital, ou obviamos todos os avances que fan posible ir en bici sen botar os fígados fóra para lucir as nosas fixies, por que non íamos recuperar as cintas de casete que tantos bos momentos nos reportaron cando eramos novos? A quen non lle provoca un sorriso tan só o son de abrir e pechar a porta (ten que haber un termo máis técnico para isto) do reprodutor? Como ignorar que nos produce máis pracer pulsar os botóns de play ou stop para unha casete que no reprodutor de CDs (e xa non digamos no iTunes)? Por que facer rewind ou fast-forward (ai, os tempos nos que FF non significaba follow-friday) nestas tecnoloxías modernas non mola tanto?
As razóns sentimentais da volta das casetes están claras. O difícil é agora defender o formato desde o punto de vista da calidade do son. Pero se podemos dicir que os vinilos son cálidos, tamén podemos dicir que ese zunido de fondo nas cintas non é máis que algo que as achega a nós: as cintas tamén se fan vellas e acumulan experiencias. O zunido das cintas é o equivalente ás nosas engurras ou ao grosor dunha árbore. E admite que hai cancións que te decepcionaron cando as escoitaches por primeira vez en dixital, sen o zunido da túa cinta de fondo.
Con todos estes argumentos sobre a mesa, non é raro que algunhas discográficas e grupos teñan decidido recuperar a casete: en España, por exemplo, temos a Mantricum (do catalán afincado en A Coruña Carlos Villena), Nosotros los rusos ou Ozono Kids. De fóra hai moitas máis. Se non, seguro que aínda tes por casa algún radiocasete con lector de CD para gravar as túas cintas.
E deixemos unha cousa clara: como agasallo, as mix-tapes foron sempre mellores que os mix-CD. Do de encher un lapis USB con 5GB de cancións xa nin falamos. Que vivan as cintas.
Fotos | Dennis Beentjes e Domino Records
Eu estou iniciando unha coleccion de vinilo, pero por que me parece moito mais chulos ca un CD, non por ser mais moderno ou cousas de esas… me gusta comprar musica, pero xa de gastar cartos, mello en vinilo que en un cd… o das cassetes, a verdade, si que me parece mais cousa de moderneo… jeje
Non iaGo, non é necesario xustificarse por estar a empezar unha colección de vinilos, todos sabemos as razóns reais… :P (é broma, os vinilos son claramente máis bonitos, pero tamén creo que nuns anos volveremos aos CDs cos que comenzamos as nosas coleccións adolescentes algúns de nós (as serias, a colección real estaba en casetes gravadas, claro).
Eu non creo que volva o CD… Si que teño unha pequena colección, pero é que, realmente, a musica a vou escoitar no ordenador e no iPod, o CD non o escoito. E cando teña a miña propia casa, penso ter un reproductor de vinilos, e asi poder disfrutalos…
A min o das casetes como que non me convence, xa non me gustaban nos 80! con ese ruido que fan e todo son problemas, que se si se sae a cinta da carcasa, que si se queda atrapada no reproductor…un asco!
Eu prefiro os vinilos!! mais bonitos, mais elegantes, son moito mas cool!!!
Saudos!!
As casetes non se raian, pensa niso… e o bonito ruído que facían cando se saía a cinta? e o divertido que era rebobinalas cun lapis?
Walkman, bolsa do Aldi (agora Gadis) cheia de casetes, pacote de pilas Cegasa e lápis foi o kit mínimo de supervivência teenager com o que fomos quem de superar os primeiros 90s.
Nos 80s nom sei como cona fizerom…