Buscando a lingua do pop (II): alemán

Tanz Baby!Si, alemán. O mellor é sacar isto de enriba canto antes: é posible facer pop en alemán? Pode o alemán soar ben, soar doce, soar bonito? Antes de nada deixádeme confesar aos que non me coñezades a miña debilidade polo idioma e admitir que un dos meus hobbys favoritos é facer cursos de alemán (nivel B2, sempre que sexa posible). Aínda así, atopar grupos que canten en alemán e que me gustasen non foi doado. Pero non polo idioma.

O problema principal co que me atopei foi coas voces: resulta que o que para os xermano-parlantes é unha voz bonita, non o é para min. Ou iso, ou o indie de éxito en alemán ten un gran prolema e tan só escolle a cantantes con voces feas. Porque ollo, non digo que canten mal. Simplemente o son da súa voz non é agradable para os meus estándares.

Afortunadamente tamén hai xente que canta con voz apta para os meus oídos, o que me fai bastante feliz. Cando empecei a investigar, a cousa estaba tan mal que tiña pensado meter a Ute Lemper (da que son moi fan, pero dicir que a única música en alemán que me gusta é a clásica de entreguerras tampouco é o obxectivo). Pero ao final fun descubrindo tantas cousas novas que non só borrei a Ute, senón que ademais tiven problemas para facer a selección final. Aquí van tres. O resto (con Ute, si), en Spotify.

Hans Unstern. Hans Unstern é un berlinés que fai música desa chea de detalles, pequenos ruídos, atmosferas envolventes. Unha non sabe se as súas cancións son complexas, porque en realidade soan sinxelas. O mesmo pasa coas súas letras, que Hans canta moitas veces sen respirar e outras facendo que quen non respire sexa quen escoita. Melancolía, sensibilidade e cancións escritas pensando nunha viaxe que lle levou a percorrer Europa. (O vídeo, por certo, é pura arte).

Virginia Jetzt!Os máis coñecidos desta selección, que tristemente xa non existen. E digo tristemente porque o certo é que canto máis os escoito, máis me gustan. As súas letras son irresistibles poemas de amor e xuventude, e o seu nome explica un pouco a clase de xente que formaba a banda: o guitarrista e pianista do grupo estaba namorado dunha rapaza chamada Virginia, á que invitou a que fose escoitalo cantar no coro do que formaba parte. Pero o concerto ía ser nalgún recuncho do Brandenburg profundo (si, como a Galicia profunda), así que para que Virginia atopase o lugar, espallou carteis polo camiño coas palabras “Virginia Jetzt!” (“Virginia Agora!”).

Tanz Baby! Non só os alemáns falan alemán. Os suízos e os austríacos fano tamén. Algúns dirán que en realidade iso que falan non é alemán, pero non imos a entrar en polémicas sobre acentos e dialectos. Tanz Baby! son David e Mu, vieneses que quererían ter vivido noutra década. Quererían ter vivido nos anos 40 ou 50 e ser horteras. Pero tamén estar nos 80 para poder utilizar os seus órganos electrónicos. É difícil saber se van en serio ou son unha broma co seu retro-pop e as súas letras cheas do sentimentalismo máis cursi e esaxerado, pero o certo é que son bastante aditivos. E en realidade se aceptamos a Richard Hawley como xenio, Tanz Baby! tamén deberían entrar nesa categoría.

* Máis música indie en alemán (incluíndo a todos eses con voz fea para os meus estándares e á fantástica Ute Lemper) na nosa lista en Spotify.

* Máis da serie Buscando a lingua do pop:
– Intro: É  o inglés o idioma do pop?
–  Buscando a lingua do pop (I): indonesio

Foto | Claus Rebler

Shares

1 comentario

  • ¿Meterías a Tocotronic en el lote de bandas con voces que no te resultan agradables? Dejo aquí más nombres de grupos germano-parlantes que me gustan: Kante, Fotos, Frittenbude, MIT o Deichkind, cada uno muy diferente del otro. Pero por encima de todos me sigo quedando con los ya mencionados Tocotronic.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará