Os festivais que veñen: setembro 2011

Harvest at Jimmy's“É o mesmo tempo de merda, pero cando se chama “outono” é máis fácil de aceptar”, dicía Stuart Murdoch (Belle and Sebastian) hai cousa dun ano no seu blog. Si, entramos en setembro e sabemos que o outono está a piques de chegar de forma oficial, polo que o frío e a choiva poden empezar a ser aceptados despois dun verán deses para esquecer. Pero se o mal tempo no verán non nos impediu ir a festivais de música, en setembro non imos cambiar de actitude. Esta vez polo menos non nos pillarán sen roupa de abrigo ou paraugas.

– En Galicia. Xiriapop. Carballo (A Coruña), 16 e 17 de setembro. Un ano máis, a sala Dubín de Carballo encherase de amantes do pop e o rock n roll para un par de noites cheas de música. Non falamos de carteis cheos de grandes nomes, pero o pracer de descubrir cousas pequenas sempre está aí (e os prezos, ademais, son igualmente reducidos). Quen estará este ano? Como cabezas de cartel, Barrence Whitfield & the Savages co seu soul e rhythm n blues desde Florida, e The Wellingtons (clásicos do power pop australiano). Tamén estarán Los Imposibles, Las Ruedas, Soul Gestapo, Feedbacks, Wolrus e The Flamin Guays.

– En España. Festival Ebrovisión. Miranda del Ebro (Burgos), 15, 16 e 17 de setembro. Efectivamente, terás que escoller entre o Xiriapop e o Ebrovisión, que un ano más inundará a localidade de Miranda del Ebro do pop máis fermoso: Micah P. Hinson, Javiera Mena, The Wellingtons, Supersubmarina, Maga, Xoel López, Eladio y los seres queridos, Bigott, e unha oferta enorme de actividades paralelas como exposicións, un mercadillo e ata unha comida popular (estas cousas sempre teñen éxito). Ademais, veñen avalados pola Mondo Sonoro, que o ano pasado os escolleu como o mellor festival de 2010.

– No estranxeiro. Harvest at Jimmy’s. Suffolk (Reino Unido), 9-12 de setembro. Imaxina a estampa: un festival de “música e comida” que se celebra nunha granxa inglesa. Soa ben sen saber nin quen toca, verdade? Pero como ademais ten lugar no Reino Unido, onde o pop é parte da cultura nacional, cun par de grupos locais formas un cartel deses cos que calquera outro país soñaría: The Kooks, The Divine Comedy (o noso amado Neil Hannon), Turin Brakes, Eliza Doolittle… Ademais de moita comida e obradoiros de cousas de campo tipo xardinería, ou habilidades sempre útiles como acrobacias de circo.

Foto | Harvest at Jimmy’s

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *