Hai uns tres anos, en plena febre fanática polo pop escandinavo, seguía de forma enfermiza todo o que facían e dicían Jens Lekman e Kings of Convenience. Foi entón cando empecei a notar unha certa predilección por parte de ambos artistas a facer xiras por lugares exóticos como Malasia ou Indonesia. Nos vídeos deses concertos, ademais, parecían especialmente felices e entusiasmados co público. Hai escena indie en Indonesia? -preguntábame eu.
Un día escoitei a Eirik de Kings of Convenience recomendar a un grupo chamado White Shoes & The Couples Company. E aí foi cando descubrín que a escena musical independente de Indonesia paga realmente a pena. Moitas veces cantan en inglés, pero hai tamén propostas interesantes en indonesio. As nosas recomendacións:
– White Shoes & The Couples Company. Os preferidos de Kings of Convenience son de Jakarta e aseguran que a súa música está influída polas bandas sonoras de películas indonesias dos 70, polo jazz dos anos 30 e a música pop dos 60. Prometen, verdade? Son quizais tamén os máis coñecidos fóra do seu país, e a Rolling Stone dixo en 2006 que eran unha das 25 mellores bandas en MySpace. E para rematar o seu atractivo, a súa cantante Aprilia Apsari é unha fan fervente do movemento hipster que defende as bicicletas dunha soa marcha, como se ve no seu blog.
– Efek Rumah Kaca. O seu nome significa “efecto invernadoiro”, e teñen unha canción, Cinta Melulu, na que critican a sobresaturación de cancións de amor cursis no pop indonesio. É unha mágoa non entender as súas letras, xa que parece ser que utilizan a ironía de forma bastante sutil e coidada, e entre os seus fans hai desde hipsters ata activistas políticos. De feito, desde 2009 escriben tamén unha columna sobre política no xornal Kompas, un dos máis importantes do país.
– Tika & The Dissidents. Outra das propostas máis interesantes do pop indonesio, que mestura xéneros que van desde o jazz ata o tango, pasando polo vals e o punk; con letras influídas de forma bastante forte pola cultura pop: libros, películas e televisión. Tika escribe tamén prosa e poesía, e viviu un tempo en Seattle, onde estudou deseño de moda. Pero Jakarta e a música foron máis fortes e decidiu voltar para probar sorte cantando. Agora con The Dissidents forma unha das bandas máis consolidadas e mimadas pola crítica no país.
*O plan era facer unha playlist en Spotify, pero non atopamos case a ninguén, así que a fixemos en YouTube. Están estes tres grupos e outros moitos que cantan en indonesio.
* Unha pequena curiosidade para pechar como abrimos: Erlend Oye cantando en indonesio unha canción dos White Shoes & The Couples Company.
Foto | Ann Larie Valentine
Este artigo colleume fóra, de viaxe, e pasóuseme comentar. Se dades permiso para ampliar información, deixo unhas ligazons a netlabels indonesios con música libre: Yes No Wave (http://yesnowave.com/), SEA Indie (http://www.seaindie.com/), In my room (http://inmyroom.us/),
Hujan! Records (http://hujanrekords.wordpress.com/)…
Saúde!
Moitísimas gracias! :)