Milknaut: synth-pop con katiuskas desde Vigo

Milknaut* Colaboración especial de Abel Dobarro

Non está afeita unha cidade como Vigo a cousas como que os seus habitantes queiran crear cancións abertamente pop e coloristas, pero precisamente un detalle como este fai gañar aínda máis puntos a estes mozos: loitar contra a adversidade nunha cidade industrial e chea de incomodidades.

Iago e Bruno forman Milknaut, un dúo que acaba de lanzar o seu primeiro artefacto sonoro ao espazo da man de Elefant Records, que os lanza na súa serie de singles de cores ‘New Adventures in Pop’. Trátase dun 7’’ de cor branca chamado ‘Gumboots Girl’, que os mostra como dignos herdeiros daqueles valentes que impulsaron un xénero como o synth-pop a estar na Champions League da historia da música e que inclúe catro temas cheos de caixas de ritmos, korgs e moogs en acción, momentos shoegaze, tratamentos vocais, irresistibles melodías pop e texturas absorbentes e retrofuturistas.

Kraftwerk, Giorgio Moroder ou OMD iniciaron esta aventura no seu día, e moitos foron os que probaron fortuna, cada un ao seu xeito, antes e despois, por este camiño ou por senllas paralelas (o viaxeiro astral número 1 Syd Barrett ou os xenios da distorsión pop My Bloody Valentine encóntranse tamén entre os seus referentes principais). No traballo de Milknaut recollemos a herdanza de todos eles.

E é que poderiamos afirmar -non sen rigor científico- que a fusión nuclear de selos como Factory, 4AD, Morr Music ou Kitsune Maison (fogar ademais dalgunhas das mellores melodías facturadas nos últimos 30 anos), de producirse algún día, ben podería provocar a xeración de grandes cantidades de enerxía -limpa e pura-, como a que desprenden estas catro cancións de impecable produción que fai que o dúo galego xogue na mesma liga que os seus coetáneos internacionais e que está destinado a facerte bailar cos ollos pechados no interior dunha nave espacial.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *