A semana que vén arrinca agosto, o mes por excelencia para coller unhas vacacións e relaxarse, viaxar e, por que non, ir a festivais. Como sempre, en Disquecool fixemos unha selección dos máis atractivos e este mes, sen que sirva de precedente, non fomos quen de escoller tan só un no estranxeiro. En agosto moita xente ten máis tempo e unha disposición mellor a gastar cartos en billetes de avións, así que esperamos que estas propostas non caian en saco roto.
-En Galicia. Felipop. Limodre (A Coruña), 12 e 13 de agosto. O Felipop, o pequeno gran proxecto da Asociación Cultural Felicia, sobrevive un ano máis fiel ao seu lema de que “o importante é a melodía”. O cartel deste ano ten como gran atractivo aos arxentinos Super Ratones, pero tamén estarán xa clásicos como Los Hermanos Dalton ou Micky y los Colosos del Ritmo. E o abono é de tan só 15 euros.
-En España. Sonorama Ribera. Aranda de Duero (Burgos), 11-14 de agosto. Un ano máis (e xa van 14), o máis granado do indie nacional e un pouco do internacional reúnese á beira do Duero para celebrar o Sonorama. Este ano os nomes grandes son Teenage Fanclub e Shout Out Louds, pero tamén estarán Nacho Vegas, El Guincho, Bigott (somos moi fans) e Holywater entre outros.
-No estranxeiro.
Proposta 1: Paredes de Coura. Paredes de Coura (Portugal), 17-20 de agosto. O Paredes de Coura necesita a estas alturas pouca presentación: xa sabes, case nada máis cruzar a fronteira e por 75 o abono para os catro días, tes a Pulp (si!), Kings of Convenience, Kurt Vile, Warpaint, Two Door Cinema Club e moitísimos grupos máis. Ademais de ser un dos festivais con mellor ambiente, por iso de que, quen sabe por que, a xente adoita a estar de especial bo humor.
Proposta 2. Sziget Festival. Budapest (Hungría), 10-14 agosto. Para os que non aceptan o Paredes de Coura como festival exótico no estranxeiro (“vou a un festival no estranxeiro, o Paredes de Coura!”), temos unha proposta que por lo menos requerirá de avión (ou varios días en coche ou tren ou autobús): o Sziget Festival en Budapest, tamén apto para os que despois do Sinsal San Simón dixeron que non volverían a festivais que non fosen en illas. Pois ben: o Sziget celébrase nunha illa no Danubio, e este ano ten como cabezas de cartel a Pulp (de verdade, quen remate este verán sen velos non ten perdón!), The National, Gogol Bordello, Manic Street Preachers, Skunk Anansie, Interpol… e unha longuísima lista. O abono con dereito a camping son 170 euros (140 sen camping). Pero xa falaremos máis disto porque, amigos, Disquecool é un dos medios acreditados.
Foto | Sziget