* Colaboración especial de Elena Durán
“Un branco que canta coma un negro”.
É a definición máis común da proposta do americano Eli “Paperboy” Reed. Cando o escoitas, o espírito da vella tradición do soul emerxe transportándote á época de Otis Redding, Wilson Pickett ou Sam Cooke; aínda que Eli, con tres discos publicados, xa non ten que demostrar nada. A súa potente e apaixonada voz, a sonoridade e forza das súas cancións e a presencia escénica que o caracteriza, son as súas mellores armas e as que o converten no rei do soul do século XXI.
Por iso, e despois da gran actuación que ofreceu na Sala Capitol o pasado mes de novembro, estaba claro que o concerto do pasado xoves 28 de xullo en A Coruña era unha cita ineludible no noso calendario musical deste verán. Gracias á xira “ Sons Estrella Galicia”, coa que tamén ofreceu dous concertos no teatro Lara de Madrid os días 26 e 27, o cantante americano e a súa banda aterraron por segunda vez en Galicia para encandear ao público dun abarrotado Playa Club. E conseguírono.
Con máis de media hora de atraso -para non cambiar os hábitos da sala -, o grupo subiu ao escenario para quentar a un público xa exaltado, mentres o pianista facía as honras e presentaba ao esperado soulman, que con só un chorro da súa voz deixou a pel de galiña aos asistentes.
O comezo foi un pouco frouxo, debido principalmente ao son do Playa Club, que foi desastroso. Aínda que mellorou un pouco no transcurso do concerto, para ser unha das salas mellor reputadas de Galicia o do son foi vergoñoso. Eli tamén saíu ao escenario un pouco lonxano, imaxino que preocupado polos problemas técnicos do equipo, dirixíndose ao público unicamente para saudar en castelán tras a primeira canción. Pero segundo foi avanzando o concerto foi crecendo a conexión cos asistentes ata meterse no bote ata a última fila. Tras a explosión que xerou o terceiro tema Help me, incluído no seu último álbum, chegou Tell me what I wanna hear, no que despregou o seu carisma acompasado polos ritmos de swing característicos do tema, facendo repetir as súas consignas aos asistentes e mesmo atrevéndose a preguntar en galego se queríamos bailar “un pouquiño”.
No repertorio, aínda que na súa meirande parte cheo de ritmos bailables, tamén tiveron cabida as baladas, coma Just like me ou Young Girl, coas que Eli deu renda solta á súa capacidade vocal. Pero o que realmente moveu ó público foi o seu himno Come and Get it, que da título ao último álbum, moito máis pop do que nos ten acostumados, co que animou ás mozas a achegarse aos seus “homes”, despregando así a súa faceta máis sedutora.
Pero chegou o cumio do concerto e Eli, convertido xa nun predicador, gritando, axeonllándose, saltando e, aínda que pareza incrible, despeiteándose, saíu do escenario cun Playa Club totalmente entregado, que non permitía finalizar así a súa actuación. Despois duns minutos no que os cánticos futbolísticos inundaron a sala- ¿onde quedou aquela petición de outra canción?- Eli e os True Lovers voltaron aos seus postos para ofrecer un fin de festa irrepetible, coa interpretación de Explosion, o tema máis enérxico e bailable do repertorio, no que pode recordar aos mellores tempos de James Brown, poñendo ao público do revés.
Xa de retirada, suando polos catro costados, achegámonos á saída da sala e, coma sempre nos seus concertos, agardábanos un Eli sorrinte e entregado á marea de fans que reclamaban un autógrafo, despedindo así un concerto excitante e único na cidade.
Foto | Alterna2