O Marisquiño: deporte, cultura urbana e música

* Colaboración especial de Abel Dobarro

Como cada verán, chega á cidade de Vigo ‘O Marisquiño’, un festival moi especial adicado aos deportes e á cultura urbana, que cada ano aumenta en canto á selección de actividades, número de asistentes e presencia dalgúns dos máis destacados representantes en cada unha das disciplinas. ‘O Marisquiño’ naceu en Vigo cando un grupo de mozos fanáticos do patín decidiron xuntarse, e con esforzo e ilusión como principais ingredientes conseguiron botalo a andar.

Agora, xa consolidado como un dos festivais máis importantes de toda Europa no seu ámbito, presenta, na súa xa undécima edición, unha variedade de modalidades deportivas (skate, BMX, parkour, motocross, mountain bike,…) ou extradeportivas (concertos, dj’s, graffitti, breakdance,…) nas que conta coa espectacularidade e a calidade como principais motores, con xente como o skater arxentino Milton Martínez (vencedor en tres edicións do Marisquiño) que vén de gañar os X Games Asia 2011, ou o número 1 do mundo en Mountain Bike, Andreu Lacondeguy, por poñer dous exemplos, ademais das recentes e máis espectaculares incorporacións dos últimos anos: o descenso urbano polas rúas olívicas e o Freestyle Motocross con saltos de ata 35 metros, que volverán facer vibrar a cidade.

No apartado musical, un dos máis atractivos para os espectadores, haberá de novo un cartel do máis completo e variado, se noutros anos foron xente como La Mala Rodríguez, Grandmaster Flash ou Public Enemy os encargados de animar as noites, nesta ocasión haberá grandes nomes todos os días, hoxe, dúas das formacións estatais con máis presencia internacional serán as encargadas de prender a mecha na primeira velada (os reis do surf, Los Coronas, e os embaixadores do garage rock, Los Chicos, que sempre fan das súas actuacións unha festa na que ninguén pode parar de bailar). O sábado será o turno para o potente funk soul dos vigueses Moon Cresta que rexistraron o seu último disco nos USA e dos composteláns Void Camp, que xa levaron por toda Europa a súa electrónica incendiaria.

A derradeira xornada serán os tamén vigueses Saldos Arias os que abran a noite de Castrelos para dar paso a unha das máis lendarias formacións de punk rock de tódolos tempos, Bad Religion, que chegan para poñer o broche final por todo o alto a unha edición do Marisquiño que terá o difícil reto de superar a calidade e espectacularidade da edición anterior… pero é que a estes mozos o que lles gusta son os retos.

Dende a Praza da Estrela ata a explanada do Club Náutico de Vigo, un gran espazo no que se desenvolverán a maioría das actividades, alí agardan a visita de espectadores que chegan dende tódalas partes do globo. Un ano máis, O Marisquiño xa está aquí!

Cartel | Kike Besada

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *