Sziget festival: do indie ao tango (días I e II)

Sziget FestivalTodas as concepcións que un ten sobre o que é un festival de música e como funciona quedan na porta ao entrar no Sziget, o festival que ano tras ano enche a illa Obuda, en pleno Danubio en Budapest, e que fai que eventos como o FIB ou o Primavera Sound parezan minoritarios e con pouca xente. E, non obstante, non hai lugar para agobios: a illa é grande, os asistentes están contentos, e as actividades que se poden realizar son infinitas.

Hoxe empezamos polos concertos que máis nos (me) gustaron nestes dous primeiros días. Os extras e a filosofía Sziget terán unha entrada aparte. Porque si, o festival dá para iso e moito máis.

– La BrassBanda. Está mal empezar por un grupo de músicos bávaros que tocan instrumentos de vento metal? Hai que deixar unha cousa clara con respecto ao Sziget: tanto os grupos como a xente son do máis heteroxéneo: hai desde un escenario de pop-rock (o principal) no que tocan os indies, ata un de rock metal, pasando polo de música húngara ou o de músicas do mundo. Neste último, no de World Music, deron o seu concerto La BrassBanda: trompetas, trombóns (todo o brass, vaia) e letras en alemán. Aínda que os alemáns presentes dicían que non era alemán, que era bávaro. Vestidos cos traxes típicos fixeron bailar a un público entregado, e ata baixaron para tocar os seus instrumentos entre o público.

– Hurts. Unha das revelacións do indie do ano pasado, tocaban nunha carpa enorme na que non cabía un alfinete, e deixaron a esta disquerredactora coa sensación de que Hurts poderían ser os vindeiros Coldplay: cancións épicas e sentidas, estribillos fáciles de lembrar, e unha paixón entre o público digna de quen sabe que está a presenciar o principio de algo grande. Hurts poderían dar o paso do indie ao mainstream sen ningún problema.

Pulp

Jarvis Cocker. Foto | Sziget

– Pulp. Un dos momentos máis esperados (por min, si) era o de volver a ver a Pulp. Tras a explosión de emoción que supuxera o seu concerto no Primavera Sound, a necesidade de volver a escoitar Do you remember the first time? en vivo era case enfermiza. O resultado? Malia non alcanzar o nivel do concerto de Barcelona (era o seu primeiro concerto, a emoción chegaba por ambos lados), Jarvis Cocker non defraudou: unha vez máis sacou toda a artillería de ‘Different Class’ (e esta vez si, esta vez caeu Misshapes), e todos os grandes éxitos da carreira do grupo. Jarvis falou en húngaro (non sei se con bo ou mal acento), trepou polos amplis, e xogou a dirixir ás masas como se fose Freddy Mercury. E grazas ao feito de que xa non é un mozo de 20 anos (ten 48!), e tras os saltos de cada canción ten que recuperar os folgos, falou moito. E escoitar a Jarvis falar é sempre un pracer.

Ben L'oncle Soul

Ben L'oncle Soul. Foto | disquecool

– Ben L’oncle Soul. Sen dúbida a grande descuberta do festival. É posible facer bailar á xente baixo o terrible sol húngaro das 3 da tarde? É ata doado se ofreces o que ofreceu Ben L’oncle Soul: soul do máis clásico e bailable (Motown, si), unha banda perfecta na execución que non só toca os seus instrumentos, senón que ademais baila, dous coristas-bailaríns cheos de enerxía (con movementos moitas veces cercanos ao clásico baile de Carlton no Príncipe de Belair), e un frontman incansable, cunha voz perfecta que interactuaba de forma continua co público. Se a iso lle sumas pequenas xoias como unha versión en clave soul de Seven Nation Army dos White Stripes ou temas de Ray Charles, tes a festa garantizada. O novo soul chega desde Francia.

La Roux

La Roux. Foto | Disquecool

– La Roux. A británica xogaba coa vantaxe da fama e dunha serie de hits xa moi recoñecidos por soar nas pistas de baile de forma habitual. O seu problema foi simplemente o de chegar despois de Ben L’oncle Soul, co que calquera sairía perdendo nunha comparación. Non obstante, e malia que lle custou un pouco arrincar, La Roux acabou tamén por meterse ao público no peto grazas aos seus incombustibles bailes e a percorrerse o escenario dun lado cara outro sen descanso. E a unha serie de cancións, todo hai que dicilo, coas que é imposible non botarse a bailar.

– Gotan Project. De volta no escenario de World Music, Gotan Project encheron nun momento no que competían coa actuación de The Chemical Brothers no escenario principal. A súa mestura de tango e música electrónica, as proxeccións perfectamente sincronizadas, e a rara sensación de estar a ver a músicos clásicos de tango (si, refírome á súa idade), que non teñen problema en lanzarse coas tecnoloxías máis vangardistas, fixeron que todo o público quedase marabillado. Algúns facían movementos de tecno, outros lanzábanse co tango. Un espectáculo digno de ver!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *