O crowdfunding chega á música: financia aos próximos Radiohead

Hai xa varios anos que está claro que a industria da música necesita un cambio de rumbo profundo, unha revolución que cambie todos os piares sobre os que se asenta desde que a música se empezou a gravar e vender. A desaparición dos formatos físicos (malia o revival do vinilo -e a casete!), a irrupción de internet e as facilidades para compartir música fan que a base da industria se cambalee (e os peces gordos falen alarmados da súa desaparición). É necesario un novo modelo, pero cal?

Unha das propostas que está a pegar máis forte é a do crowdfunding (ou fanfunding, coma xa o chaman moitos ao referirnos en particular á música), cunha idea sinxela de fondo: prescindir dos intermediarios innecesarios entre o músico e quen escoita e evitar que un artista quede sen gravar por non ter cartos. Se tes fans, eles serán quen financien.

Para isto, por suposto, hai moitos métodos. O máis directo parece sempre o de publicar un número de conta bancaria e pedir cartos, pero o certo é que iso non sempre ofrece confianza aos fans (que segundo quen sexa o teu ídolo, fiarse será máis ou menos sinxelo) e complica as cousas aos artistas emerxentes. Porque, admitámolo, non todos os grupos teñen unha base de fieis fans coma a de Radiohead. A solución? As plataformas de crowdfunding especializadas en música que están a xurdir coma setas. Aquí vai a nosa selección das mellores:

PledgeMusic. Dos máis novos pero os que máis propostas interesantes están a ofrecer. Xurdiron en 2009 no Reino Unido e están a crecer de xeito bastante impresionante. O mellor desta plataforma é que recomenda encarecidamente aos artistas a ofrecer recompensas aos seus “accionistas” segundo o diñeiro que paguen, ademais de facerlles partícipes do proceso de gravación do disco. As recompensas dependerán, claro, da imaxinación do músico: unhas das nosas preferidas foron as que prometía Emmy The Great (que financiou o seu fantástico disco ‘Virtue’ a través da plataforma) de enviarche unha postal desde cada cidade que visitase na súa xira, ou xa por unha suma bastante elevada crear a man un libro e unha historia sobre a túa vida!

ArtistShare. Esta plataforma existe desde o ano 2000 (foron os primeiros) e aseguran con orgullo que varios discos nacidos gracias a eles remataron gañando Grammys. A súa filosofía é a que move un pouco a todas estas plataformas: “cambiando o enfoque do valor ao proceso creativo, o artista/creador é recompensado antes de que o traballo sexa lanzado, o que recorta dramaticamente as probabilidades de perder ingresos unha vez que o produto sexa lanzado”.

Sellaband. Non acabamos de saber se Sellaband é recomendable ou non por iso de que hai aproximadamente un ano declarou que estaba en bancarrota. Uns días despois volveron á rede gracias a un inversor, pero cunhas condicións de servizo novas nas que se impedía aos fans retirar os fondos que xa tiveran invertido. Aínda así, unha das súas características máis interesantes é que ofrece aos artistas a posibilidade de, unha vez teñan recadado os fondos necesarios, poñelos en contacto con produtores profesionais (e hai nomes bastante importantes). E Public Enemy están agora mesmo a gravar un novo disco financiado gracias a esta plataforma.

SonicAngel. Esta plataforma nacida en 2010 funciona dividindo os proxectos musicais en accións (coma se fosen empresas, vaia). Dependendo do número de accións que merques tes dereito a varias recompensas e si, neste caso podes ata participar dos beneficios que produza o proxecto: estes serán divididos en tres partes iguais, unha irá para o artista, outra para a discográfica e outra para os fans. Dependerá, claro, de con cantos fans teñas que compartir a túa parte do pastel.

Por suposto, despois sempre están as plataformas de crowdfunding non especializadas (Kickstarter ou as españolas Verkami ou Lánzanos), pero sempre é máis divertido se o que queres tamén é descubrir música nova acudir ás especializadas. Iso si, non perdas de vista as propostas que teñen lugar nas outras, como cando Eef Barzelay gravaba a versión que ti escolleses ou incluso escribía unha canción personalizada!

Shares

2 comentarios

  • iaGo di:

    Pareceme unha moi boa idea, asi evitase a intermediarios, coma poden ser as discograficas, e o fan sinte que o seu apoio é mais directo. Eu estou moi contento de ser un mecenas do gran disco de Jero Romero, e no próximo mes terei o seu disco en vinilo na miña casa :)

  • ifrit di:

    Eu hoxe mesmo descubrín esta outra plataforma non especializada e que ten moi boa pinta: http://www.goteo.org/ E aí do lado, en Portugal, teñen esta outra tamén non especializada: http://ppl.com.pt/ ;)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *