Remata o Outono Capitol Rock Festival movendo os cadrís con Si Cranstoun

Si Cranstoun na Sala Capitol*Colaboración de ifrit

O Outono Capitol Rock Festival non é un festival ao uso e, en troques de xuntarse todos os grupos nun sitio nunha fin de semana, aquí repártense en varios días non consecutivos. O evento organizado polo pub A Reixa e Raiña Productions e que tivo lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela celebrouse en tres días e contou coa participación de JC Brooks & The Uptwon Sound, Maxine Brown + The Pepper Pots e Si Cranstoun, o concerto que fechou o festival e do que falarei aquí. Tamén estiveron como teloneiros The Allnight Workers e Dr. Gringo.

O pasado sábado foi un momento perfecto para ver reunidos entre o público do concerto unha boa colección de estilismos pin-up, tatuaxes e topetes, e alí estaban Dr. Gringo para facelos bailar a todos sen compaixón. O grupo está formado por só tres músicos (batería, contrabaixo e guitarrista-vocalista), pero sóbranse e bástanse para dar caña a esgalla cun repertorio clásico e cancións propias que repasan os estilos afíns ao rock’n’roll (rockabilly, psycho…). Xogando en casa e como bos teloneiros a súa actuación a penas nos deu respiro e o cumio foi cando na derradeira canción o cantante, guitarra en man, subiu enriba do contrabaixo sen que o contrabaixista deixara de tocar. Hai que velo para crelo. Martín Esturao, Xacobo Prieto e Javi Tornado volveron demostrar que están nunha excelente forma musical.

E mentres recuperabamos folgos chegou o prato forte da noite: Si Cranstoun presentaba a súa carreira en solitario lonxe de The Dualers e os sons que interpretaba co seu irmán, Tyber Cranstoun. O sorrinte cantante viña acompañado dunha nutrida banda composta por baixo, guitarra (ademais da que o propio Cranstoun tocou), batería, saxo e trompeta coa que presentou unha mestura de versións, especialmente de Nappy Brown, e cancións propias dos seus dous discos do ano pasado, que nos insistiu que compráramos durante todo o concerto.

Si Cranstoun non deixou de sorrir e bailar de forma cómica durante todo o espectáculo, mais na parte musical a cousa non acaba de convencer alén dos que xa viñan convencidos da casa, que se amosaron entregados con todas e cada unha das pezas do repertorio. O rock’n’roll con toques de soul despregado sobre o escenario amosábase sen moito espírito e alonxado do virtuosismo agardado. A disparidade entre os músicos tamén era notable. E así o batería e especialmente o baixista realizaron interpretacións de calidade, moi por riba do guitarrista, por exemplo. Non é que o concerto fora unha desfeita, nin que os músicos viñeran de paseo, pero hai que suar para que unha banda revival soe como algo máis que unha orquestra homenaxe.

O final do concerto foi a mellor parte e iso faime confiar en que Si Cranstoun e compañía poden dar máis do que amosaron o sábado na Capitol. Para rematar, tan só queda parabenizar á organización pola iniciativa e a selección de grupos.

Foto | Ifrit

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *