Despois da nosa primeira entrega para romper tópicos acerca dos indies, “Os indies tamén bailan“ (publicada na primeira semana de Disquecool), continuamos con outra serie adicada á actividade física. Porque si, os indies tamén fan deporte. O preferido parece o de correr (moitas veces máis por escapar que por facer deporte, pero non imos a cuestionar as razóns), pero hai outras modalidades. Aquí vai a nosa pequena selección de videoclips nos que músicos indies desenfundan o chándal (non sempre, hai que manter o estilo) e súan sen complexos (tampouco sempre).
7. Port o’Brian – My Will is Good
Queda de último na lista porque aquí quen fai deporte son un grupo de rapazas. Pero como ao final parece que Cambria Goodwin se anima a dar chimpos coa comba (ou polo menos desexa facelo, non queda moi claro), e tocan nun ximnasio, darémolo por válido.
6. Vampire Weekend – Giving Up The Gun
Os reis do indie con ritmos africanos (con permiso de Paul Simon), lánzanse aquí á pista de tenis, aínda que se dedican máis a tocar que a facer deporte. Pero eh, é un acercamento. E de cando en vez o batería cambia as baquetas polas raquetas (que alguén me explique por que rima) e devolve algunha pelota. E Ezra non xogará, pero leva na cabeza un accesorio moi acorde coa situación.
5. Belle & Sebastian – I’m a Cuckoo
Calquera que teña visto a Belle & Sebastian en directo nos últimos anos poderá ter comprobado que Stuart Murdoch está moi en forma e non deixa de saltar en todo o concerto. Neste vídeo vemos parte do seu segredo: correr por Glasgow. Ademais de a Stuart, vemos nalgún outro momento ao teclista Chris Geddes correndo polas pistas.
4. Travis – Turn
Máis Escocia nun vídeo típico de Travis nos que o tema principal é o maltrato a Fran Healy mentres o resto da banda mira. Que lle toca neste caso? Por unha aposta, ten que pasar 24 horas facendo flexións. A cara de sufrimento e a suor do final parecen case reais.
3. The Drums – Let’s Go Surfing
Outros que deciden pasar o videoclip enteiro correndo, aínda que o que de verdade quererían facer é surf. Non están vestidos da mellor forma para a actividade a que se están a adicar, pero ser o hype do pop fai necesario ter coidado co que levamos posto. Iso si, de cando en vez paran e fan estiramentos.
2. We Are Scientists – Nobody Move, Nobody Get Hurt
We Are Scientists pasan o videoclip correndo, pero porque é cuestión de vida ou morte. A cousa parece seria: a banda é perseguida por un (perigoso?) oso. Perdón, por unha persoa disfrazada de oso. Que si, moito rimos, pero se estamos tan tranquilos e de súpeto entra pola fiestra rompendo o cristal este personaxe seguro que a nosa reacción non sería moi distinta…
1. Ok Go! – Here It Goes Again
O vídeo máis famoso de Ok Go!. Debería estar no post sobre coreografías, pero podemos aceptalo aquí por iso de incluír un elemento dos máis habituais en ximnasios: as cintas de correr. Vale, non corren, pero de seguro que na preparación do vídeo suaron bastante.