“O novo disco é unha carta de amor ao lugar no que crecín”

Despois de falar con Laura Gibson, unha sinte unhas ganas terribles de cruzar o charco e aterrar en Portland, no estado de Oregón. Un lugar chuvioso nas montañas no que o aire parece estar cargado das partículas que hai que respirar para facer boa música. Un lugar no que é posible empezar unha carreira tocando para enfermos terminais, reconvertir unha caravana en mini-estudio portátil e facer que M. Ward toque a guitarra nos teus concertos. Nos concertos destes días en Galicia non estará o señor Ward, pero non será necesario. Laura Gibson promete facer do evento algo especial. Nós tomámoslle a palabra.

– O teu próximo disco, ‘La Grande’ sairá en xaneiro, está xa todo listo?

Si, xa leva un tempo rematado. Ía saír en setembro, pero as discográficas (a estadounidense e a europea) decidiron ao final que era mellor facelo en xaneiro, toca esperar un pouco máis… Estou desexando que saia!

– Dis que é o teu mellor traballo ata agora…

Si, sinto que é moi especial. Especialmente na produción, pasei moito tempo traballando nos arranxos e tiven moitos momentos moi máxicos con xente vindo e engadindo partes moi bonitas. E ademais estou moi orgullosa das cancións en si, sinto que é o meu mellor traballo ata agora.

– Por que se chama ‘La Grande’?

Moita xente di “oh, está en castelán, ou francés”, pero é unha vila do leste de Oregon, e chámase así polo seu val moi grande e fermoso (foron os franceses os que lle puxeron nome). Encántame a parte leste de Oregon, estiven alí un tempo mentres empezaba a escribir as cancións para o disco e sentín que moitas das miñas ideas empezaron a tomar forma nese lugar. Xa tiña unha canción chamada La Grande, e cando me puxen a pensar en como chamar ao disco pensei que me gustaba como soaba e tamén que se puña “La Grande” diante do meu nome nalgúns lugares entenderíase como “a gran Laura Gibson”… así que é como unha pequena broma comigo mesma.

– O lugar no que escribes as cancións parece ter sempre moita influencia en ti, como xa pasou co cemiterio en ‘Beasts of Seasons’.

Si, neste caso foron moitos lugares distintos no estado de Oregon. A parte leste é como máis seca e ten árbores moi distintas. O oeste é máis húmido, chuvioso. Despois fixen cousas en Portland, que está nas montañas. Pero sinto que moitas das cancións son coma unha carta de amor ao lugar no que crecín, e aos lugares nos que dalgunha forma acabei por encontrarme no estado de Oregon. Hai moita natureza nas letras porque pasei moito tempo fóra da casa. Tamén escribín moitas cancións nunha pequena caravana que teño. É de 1962 e estiven a arranxala mentres escribía os temas. Combinaba o traballo do martelo con sentarme e escribir as letras…

– Cóntame máis desa caravana.

Para min é como unha especie de espazo máxico, compreino de oferta. En casa vivo co meu mozo, que grava a bandas e temos un estudio, e cun amigo que é tamén batería. Así que entre o estudio e o noso amigo tocando a batería é moi difícil ter o meu espazo e escribir cancións, así que pensei en consruír un pequeno forte na parte de atrás da casa. Pero despois pensei que non sabía se estaría moito tempo na mesma casa, así que a idea da caravana pareceu perfecta. Así tamén teño o meu pequeno espazo creativo, e podo levalo a calquera sitio, estar noutro lugar durante un mes e levalo comigo. Ademais estou traballando en convertelo nun pequeno mini-estudio. Pero creo que tamén, aínda que moita xente me axudou, ter este espazo e facer toda a súa reconstrución serviu un pouco para sentirme útil: probar cousas, resolver problemas… Faime ter máis confianza en min mesma, e esta confianza que chegou de resolver problemas dunha forma moi física transformouse en confianza para resolver problemas musicais.

– Portland parece como un lugar máxico do que non deixa de saír boa música (ti, The Decemberists, M. Ward…). Que cres que ten de especial?

É un lugar moi, moi fermoso. É limpo, ten árbores por todas partes. É unha cidade, pero está situada no medio da natureza, moi conectada á natureza. Supoño que iso axuda a que haxa unha certa apertura cara a creación artística. É tamén é moi barato, así que moitos artistas veñen a vivir á cidade. E agora hai tantos grupos… é coma se houbese unha enerxía especial. Ademais está tamén a xente adecuada, xente coma The Decemberists ou M. Ward dalgunha forma foron creando un modelo para que xente máis nova se animase. É unha comunidade na que todo o mundo se apoia moito uns nos outros e a competitividade é máis a nivel de “oh, fas música moi boa, eu tamén quero facer música tan boa!”. Hai competitividade pero de forma positiva.

– Empezaches tocando en lugares non moi comúns, como garderías ou nun hospital…

Empecei a tocar moi tarde, con vinte anos, e sentía que non quería molestarme en facer concertos normais. Tiña a idea de que a forma na que quería tocar era facelo para xente enferma, como cancións para cantar a carón da cama. Así que durante dous anos, antes de facer ningún concerto normal, toquei nunha residencia para enfermos de sida, para xente nas últimas fases da enfermidade, algúns morrendo e outros mellorando. Estar entre esta xente foi moi importante para min, non sei por que sentía que tiña que facer iso. Supoño que tivo algo que ver o feito de que o meu pai tivo un cancro moi longo e o seu hospital era moi triste. Dalgunha forma sentín que tiña que facer algo para axudar ao facerme maior… e cando empecei a facer música, para min tiña sentido que ese fose o lugar no que tocar.

Pero durante ese tempo tamén estaba a escribir cancións, e ao final empecei a tocar algún concerto, e collín as cancións que escribira, graveinas e así saíu o primeiro disco. Pero creo que os meus comenzos foron moi importantes para a miña forma de entender o que é compartir cancións con xente.

– E son públicos moi distintos…

Si, o das garderías empezou tocando na clase do meu sobriño, e despois fun por máis colexios. Sempre é moi divertido tocar para nenos e facer que che pregunten cousas, falar sobre o que fago… en xeral fan moi boas preguntas sobre crear música. E está moi ben amosarlles que existen moitos traballos non tradicionais que tamén se poden ter. É moi divertido.

– Mentres investigaba un pouco sobre ti descubrín que os Tiny Desk Concerts da NPR empezaron contigo!

Si! Foi un dos mellores momentos da miña vida musical, especialmente porque saíu dunha experiencia negativa. Estaba facendo un concerto nun sitio cheo de xente durante o SXSW, e foi terrible porque era como se houbese unha festa: a xente estaba a falar e non se me oía, era terrible! E mirei cara o público e recoñecín a un dos editores musicais de NPR facéndolle señas ao técnico de son para que subise o volume… foi un deses momentos nos que baixei do escenario case con ganas de chorar. Pero os dous editores da NPR que estaba alí viñeron e dixeron que tiveran unha idea, que tiña que ir ás oficinas e tocar nun escritorio. E fíxeno un mes despois en Washington D.C. e agora é unha serie moi importante na NPR… e a Rolling Stone ten agora algo similar, algo tipo “na oficina”, é moi estraño formar parte diso dalgunha forma. E sobre todo que foi unha boa lección, algo que parece terrible, case un fracaso, pode desembocar nalgo fantástico.

– Como te sintes cando definen a túa música como folk?

Non sei, as etiquetas poden ser útiles. Cando alguén di que algo é “folk” queda claro que non vai a ser música rock. Pero síntome máis próxima ao significado real da palabra folk (“xente”), cando a xente só facía música por facer música. Gústame estar conectada a esa idea de música folk. Pero ás veces é difícil ter esa etiqueta e que a xente pense que só son eu cunha guitarra acústica, cando no novo disco algunhas cancións soan a bossa-nova, hai moita guitarra, … Pero non me molesta, é necesario categorizar para comunicarse.

– E xa para rematar, por que debería ir a xente aos teus concertos de hoxe en Vigo e mañá en Ourense?

Que difícil! Penso que, non sei, toco soa e creo que vai haber unha conexión moi importante co público, preocúpome moito por ofrecer unha experiencia especial para a xente que vén a verme, sobre todo estando (eu) tan lonxe de casa. E ao estar sen banda será algo único, moi íntimo, con cancións antigas e cancións novas, moitas cancións novas!

* Podes ver a Laura Gibson esta noite (21 de outubro) en La Iguana en Vigo, e mañá 22 de outubro no Café&Pop Torgal en Ourense. Recomendámola!

* Descubre que cousas son cool para Laura lendo a súa disqueficha.

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *