Patrick Wolf: a festa do rapaz lobo

Patrick Wolf na Sala Mondo en Vigo

Pechar o círculo é sinxelo: de ‘Lycanthropy’ a ‘Lupercalia’, Patrick Wolf volve a abrazar a simboloxía dos lobos coa que empezou a súa carreira e que podería parecer que tiña un pouco esquecida. Pero Patrick non esquece, como demostrou durante o seu concerto en Vigo no que non se cansou de lembrar as cancións que tocara “hai nove anos” cando tocou en España por primeira vez.

O Patrick que saíu onte ao escenario de Sala Mondo xa non era o pequeno Patrick de 18 anos que xogaba a mesturar os seus coñecementos de música clásica coa electrónica máis dura. Non. O Patrick Wolf de 27 xa non está a experimentar e sabe moi ben o que fai: quere facernos bailar? Pode facelo. Quere deixar a todo o público abraiado co seu violín? Tamén sabe. Quere emocionar coa arpa? Non é un problema.

Patrick Wolf na Sala Mondo en Vigo

No concerto de onte houbo tempo para todo: desde un repaso case exhaustivo do seu último disco, con temas como House, The City, Together, Time of My Life ou Bermondsey Street; ata recuperacións das pequenas marabillas de ‘Lycanthropy’ como Pigeon Song, coa que pechou o concerto, ou Bloodbeat que, asegurou, por algunha estraña razón parecía ser o seu maior éxito en España. (A emoción do público nese momento confirmouno).

E entre ‘Lycanthropy’ e ‘Lupercalia’? Todo o resto: varios temas do seu disco máis accesible, ‘The Magic Position’ (Bluebells, Accident/Emergency, unha fermosa The Magic Position que caeu no bis e comezou tan só co piano e rematou con todo o público cantando e bailando feliz), e do seu álbum máis polémico, ‘The Bachelor’ (fantástica fantástica Hard Times). O gran esquecido foi o seu segundo disco, ‘Wind in the wires’, do que recuperou tan só Teignmouth (aínda que pode que a miña memoria me estea a xogar unha mala pasada).

E si, as cancións son importantes, pero nun concerto son igualmente básicos outros ingredientes nos que Patrick tampouco defraudou: simpático e adorable ata dicir basta, atreveuse a baixar a bailar entre o público, cantou collendo a man a algún afortunado da primeira fila e pediu perdón por non falar castelán. “Era o mellor en clase de español no cole”, admitiu, “pero deixei a escola cando era moi novo”.

Querido Patricio Lupo, quedas perdoado.

(E si, Patrick viña cunha banda fantástica, pero cando o líder é tan carismático deixar aos seus acompañantes nun segundo planto resulta realmente sinxelo…)

* Patrick Wolf visitou Vigo como parte do ciclo Galicia Importa, da man da promotora Sweet Nocturna.

Fotos | Disquecool

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *